Amosando publicacións coa etiqueta Primaria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Primaria. Amosar todas as publicacións

Viaxe a Eco dos Teixos

  O alumnado de 6º de Primaria realizou unha viaxe cultural a un enclave natural, ao albergue Eco dos Teixos, ne Pena Trevinca. Tres días de contacto coa natureza, música e obradoiros que os rapaces e rapazas gozaron xunto cos mestres que os acompañaron. Un bo xeito de rematar o curso!







Museo virtual Patrimonio de Touro

O alumnmado do CPI Fonte-Díaz de Touro vive os derradeiros días do curso 24-25 gozando de actividades tales como excursións, competicións deportivas e xogos populares.

Dentro das actividades conmemorativas do 50 aniversario do colexio e como colofón ao Ano da Historia que se leva desenvolvendo durante todo o curso, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º Primaria presentan o seu traballo educativo vencellado ao patrimonio da súa localidade. Durante este trimestra os rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos investigaron sobre o patrimonio de Touro, visitaron espazos emblemáticos do Concello e, finalmente, crearon e presentaron un museo virtual coa recompilación de fotografías da riqueza paisaxística, etnográfica e arquitectónica da súa vila. Para elabroar este traballo contaron coa colaboración da empresa local Patrimonea.

Só tedes que picar no seguinte enlace e rexistrarvos co voso correo electrónico. Agardamos que o o gocedes!

Museo virtual

O Ano da Historia en 5º de Primaria

 Traémosvos agora un proxecto que levaron a cabo os alumnos e alumnas de 5º de Primaria.

Neste curso 24/25  o alumando de 5º de Primaria levou a cabo un fermoso proxecto transversal e profundamente significativo para o propio alumnado! Este proxecto materializouse finalmente nunha obra de teatro que titularon “A revolta irmandiña” . Esta obra non só reviviu a memoria histórica das Revoltas Irmandiñas desde unha perspectiva crítica e participativa, senón que converteu a aprendizaxe nunha experiencia viva e transformadora. Aquí van algunhas reflexións para destacar o valor do traballo:

Logros destacables da obra:

1.               Aprendizaxe multidisciplinar:

         Historia: Comprender a loita social na Galicia medieval e as súas conexións co presente.

         Lingua e literatura: Exercitar a escrita creativa (guión), a expresión oral e a dramatización.

         Artes plásticas: Traballo colaborativo na escenografía (castelos, aldeas, vestiario...).

2.               Competencias socioemocionais:

         Superar o medo a falar en público mediante o teatro, unha ferramenta poderosa para a autoestima.

         Empatía histórica: Poñerse no lugar dos irmandiños e dos señores para debater sobre xustiza e poder.

3.               Valores transversais:

         Igualdade e loita contra a inxustiza: A obra serviu para reflexionar sobre como as desigualdades de clase aínda existen, e como a acción colectiva pode cambialas.

         Compañeirismo: Traballar en equipo (actores, escenógrafos, narradores...) reforzou a cohesión do grupo.

O que fixeron non foi só unha obra de teatro: foi un acto de xustiza educativa. Os irmandiños levantáronse contra os castelos, e eles, ao representalos, derrubaron muros do medo e a desmemoria. A historia non só se escribe... ¡tamén se actúa!

A obra foi representada para todo o alumnado e o profesorado do centro, pero ademais foi unha das actividades que se levaron a cabo na celebración do 50 aniversario do noso colexio e tamén se fixo a gravación na radio para que todos e todas os que non puideron asistir á representación puidesen gozar dela. Parabéns por ese gran traballo!

A revolta irmandiña







O Ano da Historia en 6º de Primaria

 Hoxe queremos compartir as actividades levadas a cabo en 6º de Primaria dentro do proxecto da Historia.

 No primeiro trimestre, o alumnado de 5º e 6º de Primaria realizou unha visita educativa ao Museo do Pobo Galego, situado no antigo convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Esta actividade forma parte do proxecto de aula sobre o patrimonio cultural de Galicia e o proxecto centro sobre a historia, e tivo como obxectivo coñecer mellor a historia, as tradicións e a vida cotiá do pobo galego ao longo do tempo.



 No segundo trimestre o proxecto “O noso Patrimonio” naceu co obxectivo de achegar aos estudantes de 8 a 12 anos ao concepto de patrimonio cultural e natural, utilizando ferramentas dixitais para crear un museo virtual. A proposta fomentou o traballo colaborativo, a creatividade, a investigación e o uso de tecnoloxías. O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º  iniciouse na concienciación patrimonial a través da empresa local “Patrimonea” que incluía unha visita  no segundo trimestre ao Pazo de Andeade, aos restos romanos do Castrillón e á area recreativa e termal de Brandelos. Asemade, como produto final, confeccionaron un museo virtual con fotografías recompiladas polo propio alumnado.








 No terceiro trimestre alumnado e profesorado de 5º e 6º de Primaria fixemos un roteiro histórico-patrimonial ata o Castro e miradoiro de San Sebastián.




O Ano da Historia en 1º de Primaria

  O alumnado de 1º de Primaria estivo a traballar sobre "O paso do tempo". Nela o alumnado estivo vendo como eran eles de bebés, como son agora e como lles gustaría ser de maiores e que profesión que máis lles gustaría exercer.




 A temática do PDI de centro estivo moi presente nas distintas áreas impartidas pola titora. Comezaban as rutinas diarias repasando os días da semana e os meses do ano empregando os conceptos antes, xa pasou, hoxe, no que estamos, e mañá, o que vén despois. Traballaron moito sobre que o presente é consecuencia do pasado e o que facemos agora condiciona o futuro.

O ano do bosque en 3º de Primaria

 O alumnado de 3º de Primaria estivo a traballar sobre os animais. Crearon un zoo ao uso con espazos delimitados entre os animais. A raíz da realización da maqueta discriminaron os animais que viven no bosque galego e os que non, así como a súa clasificación en diversas especies.

 Falaron tamén do importante que é que os animais vivan en liberdade e clasificaron algúns animais no seu bosque autóctono.




O ano do bosque en 6º de Primaria

  O alumnado de 6º de Primaria estivo a traballar, ao longo do curso, en varios aspectos relacionados co PDI de centro, o bosque.

Horta na Aula: Un Proxecto Educativo

 Este curso, os alumnos e alumnas de 6º de primaria crearon unha horta na aula, plantando especies comestibles como tomates, pementos, feixóns ou cabazas. Guiados polos mestres, prepararon os recipientes, plantaron as sementes e encargáronse do rego e coidado das plantas.

 Ao longo do proxecto, aprenderon sobre a reprodución das plantas, os ciclos de crecemento, a importancia da fotosíntese ou as técnicas de cultivo. Ademais, desenvolveron habilidades prácticas e valores como a responsabilidade e o traballo en equipo.

 Esta iniciativa non só enriqueceu os seus coñecementos científicos, senón que tamén promoveu unha maior conciencia  alimentaria e ambiental neste Ano do Bosque.






Visita dun guía de montaña

 No terceiro trimestre a clase de 6º de primaria tivo o privilexio de recibir a visita de Luis Varela, un experimentado guía de montaña con moitos anos de experiencia. A xornada comezou cunha presentación dinámica na que Luis compartiu a súa paixón pola montaña e a súa traxectoria vital e profesional. Os estudantes escoitaron atentos mentres lles contaba historias das súas expedicións, incluíndo ascensos a montañas emblemáticas como o Mont Blanc, nos Alpes ou a Pirámide de Garcilaso nos Andes.

 Ademais, Luis falou sobre a flora e fauna que se pode atopar a diferentes altitudes e a importancia de respectar e preservar o medio ambiente. Os alumnos mostraron especial interese nos relatos sobre os animais que atopou durante as súas camiñadas, como as cabras  montesas. Tamén houbo tempo para comentar os efectos do cambio climático na montaña.

 O encontro rematou cunha rolda de preguntas na que os alumnos puideron satisfacer a súa curiosidade sobre a vida dun guía de montaña, os desafíos que enfronta e as recompensas do seu traballo. Luis animou aos estudantes a explorar a natureza, a manterse activos e a seguir aprendendo sobre o mundo que os rodea.

 Esta visita non só enriqueceu os coñecementos dos estudantes sobre a xeografía e a bioloxía das montañas, senón que tamén lles inspirou a valorar máis o entorno natural e a considerar o sendeirismo e a escalada como actividades recreativas emocionantes e saudables.

 



Visita ao Complexo Dunar de Corrubedo e ás Lagoas de Carregal e Vixán

 No segundo trimestre, os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria gozaron dunha emocionante visita guiada ao complexo dunar de Corrubedo e ás Lagoas de Carregal e Vixán, un espazo natural protexido de gran valor ecolóxico. Esta saída didáctica foi organizada co obxectivo de achegar aos estudantes á riqueza natural da súa contorna e fomentar o respecto e a conservación do medio ambiente.

 A xornada comezou coa chegada ao complexo dunar de Corrubedo, onde o alumnado foi recibido por unha guía especializada en educación ambiental. Tras unha breve introdución sobre a formación e a importancia das dunas, os rapaces e as rapazas iniciaron un percorrido polo complexo. Durante a camiñada, aprenderon sobre a flora e fauna características da zona, observando especies vexetais como o cardo mariño e animais como a píllara das dunas.

 A guía explicou como as dunas actúan como barreira natural contra a erosión costeira e a importancia de preservar este hábitat fronte ás ameazas humanas, como o turismo irresponsable e o cambio climático. Os estudantes puideron experimentar de primeira man a fraxilidade deste ecosistema ao camiñar sobre a area e observar como se movía co vento.

 A continuación, a visita trasladouse ás Lagoas de Carregal e Vixán, dous humidais de gran importancia ecolóxica. Alí, os alumnos e as alumnas descubriron a diversidade de aves acuáticas que utilizan estas lagoas como zona de descanso e alimentación durante as súas migracións. Algúns, qeuipados con prismáticos, puideron avistar diferentes especies de aves, como garzas ou parrulos.

 A guía tamén subliñou o papel fundamental que xogan estes ecosistemas na conservación da biodiversidade e na mitigación dos efectos do cambio climático.

 A xornada rematou cunha actividade interactiva no centro de interpretación. Nesta actividade a rapazada, dividida en pequenos grupos, tivo que identificar diferentes especies vexetais e animais presentes no complexo. Esta actividade permitiulles aplicar os coñecementos adquiridos durante a visita e fomentar o traballo en equipo e a observación científica.






O ano do bosque en 2º de Primaria

 En Segundo curso de Primaria O BOSQUE estivo presente no desenvolvemento do currículo en todas as materias.

 Problemas, contas, gráficas, pictogramas, series, conceptos espazo temporais, figuras xeométricas, contos, rimas, refráns, oracións, adiviñas, cómics, lecturas, seres vivos, alimentación, materiais naturais, contaminación, reciclaxe, profesións, incendios, especies en perigo de extinción e invasoras e, sobre todo, falaron da importancia do bosque para a vida no noso planeta.

 Algo moi importante, o osíxeno, é imprescindible para os seres vivos. E quén o fabrica? O Bosque.

 Contemplaron o paso das estacións polo patio do noso colexio e démonos conta de que hai moitas menos árbores e arbustos que o ano pasado. Que pasou? O insecto chamado Picudo e a tala son os causantes desta merma.

Este é o motivo polo que eliximos facer e poñernos unhas carautas de animais e así lembrar que as árbores e os arbustos do patio, forman parte do bosque que fai posible a vida.

 Moito mellor que ver vídeos, que non está mal, é escoitar, ver e sentir a Natureza. Así comprenderon e déronlle vida ao currículo pois ela ten todos os recursos que necesitamos.

 As nenas e nenos de Segundo queren achegar a quen proceda esta proposta: e si plantamos ALGO o vindeiro curso entre todas e todos nalgún espazo do patio alegrando a contorna, muro incluído, pola convivencia e o osíxeno no cole?!





 

O ano do bosque en 5º de Primaria

  O alumnado de 5º de Primaria estivo a traballar a temática do bosque en distintos proxectos.

 "O bosque de Rosalía"

 Os alumnos e alumnas de 5º de primaria recompliraon poemas vencellados ás prantas e árbores do bosque, profundizando na propiedades e usos de dita flora.





 Todo o alumnado do terceiro ciclo de Primaria visitou a contorna do parque natural de Corrubedo, profundizando, entre outras cousas, no coñecemento do bosque litoral.



 Relizaron tamén unha excursión á Lagoa e bosque de Castiñeiras, na provincia de Pontevedra, onde puideron analizar a biodiversidade dese espazo natural.




"Un bosque de casas"

 O alumnado de 5º de primaria, sensibilizado coa importancia do desenvolvemento sostible para a preservación do noso medio natural, deseñou maquetas de vivendas integradas nos espazos naturais e aproveitando enerxías renovables.













 Por outro lado, os nenos e nenas de 5º, aproveitando a proximidade do magnífico bosque da ribeira do Ulla (a 20 minutos camiñando) fixeron varios "baños de bosque coa finalidade de intercalar momentos de desconexión nas rutinas académicas.






 "Xogobosque"

 O alumnado de Proxecto Competencial fixo un xogo de taboleiro con preguntas sobre o bosque.