A lenda da Atlántida.

 Neste vídeo de National Geografic podedes obter información sobre o mito da Atlántida.



Inauguración do club.



 Hoxe, día 6 de novembro,  tivo lugar a primeira reunión do club de lectura. Os profes do club estamos encantados coa acollida. Somos moitos e moitas os que temos gañas de comezar a lectura de A chave da Atlántida: trinta rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO e seis profesores e profesoras. De seguir así, seguro que os de 2º ciclo vanse animar máis para o ano que vén.






Nesta sesión inicial fixemos a presentación da nosa primeira lectura e xa todas e todos temos o noso caderniño do club para poder facer  apuntamentos, recoller aquelas frases especiais que non queiramos esquecer, as reflexións que queiramos compartir co grupo ou simplemente escribir aquilo que desexemos das nosas lecturas.
Tamén foron moi interesantes as reflexións feitas por todas e todos vós sobre os xéneros que máis vos gustan a partir dunhas fichas con fotos de libros que comentamos.
E, como non, para comezar con moitas ganas que mellor que unhas lambetadiñas!   

Así que non vos esquezades: o próximo mércores vémonos para comentar o capítulo 1.

Biografía do autor: Anxo Fariña.

 

 Anxo Xabier Fariña Temprano naceu en Vigo no ano 1977. É licenciado en Belas Artes e destaca na súa faceta de escritor, deseñador e ilustrador de libros de literatura infantil e xuvenil.
 
Entre as súas obras máis coñecidas están a colección de Pelelliño ou dos Megatoxos.
 
Recibiu o premio Merlín no ano 2011 pola súa novela A chave da Atlántida e o premio Frei Martín Sarmiento na 3ª categoría no ano 2013 pola mesma obra.
 
Áínda que a maioría da súa obra está escrita en galego, tamén ten publicado algunha obra en castelán como Los Minicientíficos y Darwin.
 
Podedes consultar os seguintes enlaces para ver o seu blog e unha entrevista que lle fixeron cando gañou o premio Merlín.

Primeira lectura do noso club para este curso 2013-14.





'A CHAVE DA ATLÁNTIDA'. É unha novela de ciencia ficción na que se mestura a mitoloxía clásica  da antigüidade coa biotecnoloxía e a robótica do futuro. O seu autor é Anxo Fariña, escritor e ilustrador galego que foi galardoado co premio Merlín por esta novela, da que tamén é o seu ilustrador.


 


Benvida ao noso Club de lectura Lectour@s.

A nosa primeira xuntanza deste curso 2013- 14 será o mércores día 6 de novembro. Onde imos reunirnos? Sen dúbida non pode haber outro lugar mellor que  a nosa biblioteca. Alí quedaremos cada semana para comentar o que se vai acordando ler en cada reunión e tamén para expresar as nosas opinións sobre o lido, sempre nun clima de respecto e de compañeirismo.
Por outra banda, este blog servirá como punto de encontro para os membros do club e para todos e todas os que queirades deixar as vosas opinións sobre lecturas, expresar os vosos gustos literarios, comentar obras que lestes e que vos gustaron ou facer recomendacións.

Ademais, iremos colgando información relevante sobre as obras que temos previstas ler e tamén enlaces sobre temas de interese que se relacionen co argumento das mesmas.

Así que moito ánimo e a desfrutar do placer de ler!