Mes das Letras

 Achégase o Día do Libro e son moitas as actividades que estamos a preparar con motivo desa celebración, polo que unirémolo ao Día das Letras Galegas para celebrar o Mes das Letras con propostas que saen do EB e do EDL. Entre esas actividades non poden faltar os nosos tradicionais apadriñamentos lectores, así como as entregas de premios dos pasaportes lectores e por fin coñeceremos o nome e o logo da nosa radio!

 Outra actividade, moi especial para nós, será a finalización do noso proxecto "Un nen@, unha árbore": o noso alumnado levará as súas árbores, plantaranas e enviarannos fotos da súa plantación, pero, así mesmo, e grazas á colaboración do Concello que nos cedeu unha parcela, faremos unha plantación de árbores por clase para recordar este fermoso proxecto.



Outras actividades serán a exposición "A volta ao mundo en 80 libros" na que contaremos con libros típicos, e non tan típicos, de distintos países. 



 Tamén tentaremos dar a "Volta ao mundo en imaxes", con fotos de distintos lugares proporcionadas polas familias. 



 As familias terán tamén un papel protagonista en outra das actividades que desenvolveremos e que nos quedou pendente o curso pasado. As familias que se animaron virán ao centro e contarannos as súas experiencias vivindo e viaxando polo mundo. Moi pronto contaremos máis sobre esta actividade que nos fai moita ilusión.


 Tamén, dende o EDL propóñennos participar na celebración dos Maios para o que se solicitará a todo o alumnado colaboración para a realización dun Maio con elementos da natureza tales como fiunchos, flores, xestas...
Así mesmo, este ano o Día das Letras Galegas esá adicado a Xela Arias e dende o EDL e do EB propuxemos as seguintes actividades:
-Para os cursos de Infantil e Primaria a proposta é ilustrar poemas do libro Darío a diario.
-Para a ESO a realización de vidopoemas sobre a poesía de Xela Arias.

 E para rematar a celebración do Mes das Letras contaremos, o 19 de maio, cunha visita moi especial, Eva Mejuto achegarase ao noso cole para falarnos do seu conto "Dez gatiñas viaxeiras".



 
Pouco a pouco iremos compartindo fotos de todas as actividades, moitas grazas pola vosa colaboración!


Pronto contaremos máis!

Radio na biblio. Novas!

 Ola a tod@s!

 Hoxe traémosvos un novo programa de radio! Nesta ocasión volve ser Aldán, coa axuda do seu profe Paco, quen nos presenta un novo programa de radio facendo un repaso ás novas dos xornais que máis lle chamaron a atención nas últimas semanas. Esperamos que o disfrutedes!

Noticieiro de Aldán

Día Internacional do Libro Infantil

  O sábado, 2 de abril, celebrouse o Día do Libro Infantil e na nosa biblio preparamos unha exposición con todas as novidades que temos en ese eido. Esperamos que o noso alumnado as disfrute!