Mes das Letras

 Achégase o Día do Libro e son moitas as actividades que estamos a preparar con motivo desa celebración, polo que unirémolo ao Día das Letras Galegas para celebrar o Mes das Letras con propostas que saen do EB e do EDL. Entre esas actividades non poden faltar os nosos tradicionais apadriñamentos lectores, así como as entregas de premios dos pasaportes lectores e por fin coñeceremos o nome e o logo da nosa radio!

 Outra actividade, moi especial para nós, será a finalización do noso proxecto "Un nen@, unha árbore": o noso alumnado levará as súas árbores, plantaranas e enviarannos fotos da súa plantación, pero, así mesmo, e grazas á colaboración do Concello que nos cedeu unha parcela, faremos unha plantación de árbores por clase para recordar este fermoso proxecto.



Outras actividades serán a exposición "A volta ao mundo en 80 libros" na que contaremos con libros típicos, e non tan típicos, de distintos países. 



 Tamén tentaremos dar a "Volta ao mundo en imaxes", con fotos de distintos lugares proporcionadas polas familias. 



 As familias terán tamén un papel protagonista en outra das actividades que desenvolveremos e que nos quedou pendente o curso pasado. As familias que se animaron virán ao centro e contarannos as súas experiencias vivindo e viaxando polo mundo. Moi pronto contaremos máis sobre esta actividade que nos fai moita ilusión.


 Tamén, dende o EDL propóñennos participar na celebración dos Maios para o que se solicitará a todo o alumnado colaboración para a realización dun Maio con elementos da natureza tales como fiunchos, flores, xestas...
Así mesmo, este ano o Día das Letras Galegas esá adicado a Xela Arias e dende o EDL e do EB propuxemos as seguintes actividades:
-Para os cursos de Infantil e Primaria a proposta é ilustrar poemas do libro Darío a diario.
-Para a ESO a realización de vidopoemas sobre a poesía de Xela Arias.

 E para rematar a celebración do Mes das Letras contaremos, o 19 de maio, cunha visita moi especial, Eva Mejuto achegarase ao noso cole para falarnos do seu conto "Dez gatiñas viaxeiras".



 
Pouco a pouco iremos compartindo fotos de todas as actividades, moitas grazas pola vosa colaboración!


Pronto contaremos máis!

Ningún comentario:

Publicar un comentario