Día da Poesía

 O día 21 de marzo celébrase o Día da Poesía e, un ano máis, no noso centro quixemos celebralo dun xeito especial. O alumnado voluntario da biblioteca fixo un recitado que decicou aos residentes e traballadoras de Os Tercios, a residencia de maiores de Touro. Fano sempre con moito agarimo e este ano non podía ser doutro xeito. Agardamos que lles guste moito!

Moitas grazas a todos e a todas por permitirnos achegarnos, aínda que sexa deste xeito, ata a vosa casa!´






Concerto do Dúo Trevo

 O pasado luns vivimos unha xornada moi especial, un marabilloso concerto que o Dúo Trevo quixo agasallar a todo o alumnado e profesorado do centro. Foi un concerto extraordinario neste Ano da Música, polo que non podemos máis que dar as grazas a Olga e a Natalia por esas fermosas interpretacións, pola súa paixón ao transmitirnos a súa música e pola súa xenerosidade. Un día inesquecible!











Lecturas para o 8M

 Aquí vos deixamos unha selección de lecturas para celebrar o Día da Muller. Xa sabedes que podedes achegarvos á biblio e elixir entre estes e outros moitos máis, agardámosvos!



Mulleres na música

  Coincidindo co Día da muller, e neste Ano da música, o alumnado de todos os cursos estivo a investigar sobre mulleres relacionadas coa música. Descubriron cantantes, compositoras, músicas e directoras sobre as que despois elaboraron un mural que está exposto no corredor de entrada ao comedor. A meirande parte delas eran totalmente descoñecidas para o alumnado, así que, que este 8 de marzo sirva para lembrar que cada paso conta. Polo dereito a ser quen queiramos ser. Feliz Día da Muller!

Sofía Oriana Infante Souto (compositora)


Isabel Costes (directora de orquestra)




Uxía (cantante)


Gloria Rodríguez Gil (compositora)


Adelina Patti (cantante de ópera)


Cristina Pato (gaiteira)


Susana Seivane (gaiteira)


Montserrat Caballé (cantante de ópera)



Dando a chapa co 8M

 O pasado 8 de marzo foi o Día da Muller, pero no noso centro festexámolo ao longo de toda a semana anterior. O alumnado deseñou e fixo chapas que despois, e baixo o leme "Dando a chapa co 8M" alumnado voluntario da biblioteca e alumnado de Infantil, repartiu pola feira, acompañados da música interpretada polos músicos e músicas de 6º de Primaria. Unha xornada para celebrar e reivindicar! Parabéns a todos e a todas as que participaron e moitas grazas aos veciños e veciñas de Touro polo amable recibimento das chapas!










 Aquí vos deixamos tamén un vídeo co resumo das actividades relacionadas co 8M realizadas polo alumnado de 5º de Infantil. Moitas grazas á titora por este traballo!





Caldo de gloria

  Como xa vén sendo tradición, o Día de Rosalía tamén se celebrou no comedor. Ese día, e grazas ao bo facer do persoal de cociña e da encargada de comedor, puidemos gozar dun rico caldo de gloria, así como dunha sobremesa especial, a torta de Rosalía. Ademais, cada comensal atopou no seu prato un marcador cun poema de Rosalía. Unha tradición que nos encanta manter.

Feliz Día de Rosalía!





Día de Rosalía 2026

  A pasada semana celebramos o Día de Rosalía. Seguindo as propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, animamos a cada titoría a elixir un poema de Rosalía e gravar un vídeo recitando dito poema. Ao longo da semana fóronse subindo algúns deles ás redes sociais da biblioteca e ás do EDL baixo o lema proposto pola AELG, #maiselestamenperdidos, pero agora recompilámolos todos aquí para que poidades gozar deles. Todos os cursos fixeron un gran traballo, polo que non podemos máis de que dar os parabéns e as grazas a todos e a todas por participar!