Comezaron o curso co conto de Brancaneves e os Sete ananiños. Fixemos as pulseiras do comezo do curso con esta temática que tamén estivo presente nos carteis dos días da semana no panel de rutinas e nos números ordinais.
Crearon a súa árbore, que presidiu o panel das rutinas e a asamblea, que pintaron, plastificaron e que foron tematizando ao longo do curso: árbore do outono, do inverno, da paz, do amor, do 8 de marzo, da primavera…
Pintaron as súas árbores do outono, do inverno e da primavera empregando diferentes técnicas pictóricas (estampado con esponxa, puntillismo con bastonciños e cos dedos, pintado con pincel, collage con flores, estarcido…) e incluíndo animais de cada estación.
No outono saíron buscar elementos del, estamparon follas, tinxiron landras, debullaron millo, decoraron cabazas, traballaron os cogomelos e as súas partes, xogaron cos policubos con plantillas deles e tamén dos números anteriores e posteriores, un alumno trouxo un dente de xabaril…
Montaron o seu mercado do outono cos seus produtos: contaron, sumaron, pesaron, e restaron cos seus prezos.
Para o seu proxecto do corpo humano e a saúde empregaron elementos do outono e practicaron a arte do "land art" para contruír o esquema corporal, logrando verdadeiras obras de arte.
Para a celebración dos aniversarios cada alumno/a elixiu o seu animal do bosque favorito e creou a súa coroa con el e a medalla. No día do aniversario as familias foron á aula e co animal elixido fixeron unha actividade. Houbo contacontos, teatro, manualidades, cancións…
No Samaín creron o seu minimundo con elementos do outono: millo, landras, fixeron mórcegos con piñas, modelaron cabazas con plastilina…
Tamén crearon as caras terroríficas do bosque: como siluetas empregaron noces, castañas, avelás, landras e puxéronlles ollos, boca, nariz e orellas terroríficas.
Fixeron pizza de champiñóns, para o que escribiron a receita e debuxámola. Tamén estamparon cos champiñóns.
Aprenderon as partes do moucho co "Blue Bot" e para iso crearon o seu panel do moucho.
Crearon pulseiras con forma de árbore polo Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero e pintaron os animais do bosque sobre os que escribiron palabras como forte, valente, intelixente…
No nadal empregaron follas de carballo para facer un abeto na postal para felicitar ás familias. Crearon un centro cun abeto con piñas e acivro. Convertéronse en renos do nadal, para o seu calendario dos días que faltaban para que chegase, estampando tamén con follas de carballo. Decoraron bolsas con abetos cos nosos nomes e fixeron colgadoiros. Escribíronlle ao Apalpador dos bosques do Courel de Lugo e cantaron a súa canción, caracterizándonos para iso como el.
Plantaron landras e cactos, e viron o proceso de crecemento dunha árbore rexistrando no seu caderno.
Fixeron a súa árbore dos desexos para o ano 2024 e tiveron o seu sorteo da lotería do bosque.
Foron á sala de cine independente Númax ver a película Superverme.
Decoraron a porta da súa aula creando unha árbore na que puxeron follas de carballo e landras tinxidas, así como outras feitas en cartolina. Cearon con cartón e hedras a casa dos ananiños de Touro e fixeron un bosque no que debuxaron aos ananiños.
No Entroido disfrazáronse de ananiños, fixeron carautas con pratos de cartón de animais e insectos do bosque , con cartón pluma fixeron a pancarta para o desfile do Entroido co lema “coidemos o bosque” e tamén unha árbore para tirar fotos.
Pintaron insectos ao estilo do pintor Piet Mondrian.
Para o día de Rosalía de Castro crearon unha árbore da que colgaron as flores co cancelo #oamordapatriagalega con información sobre a nosa escritora.
Fixeron unha saída ao bosque para observar animais, insectos, árbores e plantas e recolleron flores, plantas…
Durante o curso traballaron contos de lobos dos que fixeron na súa axenda un debuxo e escribiron o título, o autor/a e o ilustrador/a.
Fixeron un despregable do lobo coas súas características, nome etimolóxico, hábitat e alimentación.
Dramatizaron o conto de Tío Lobo e crearon o seu armario coa súa roupa xogando a vestilo e espilo.
Pintaron raposos en toros de madeira que converteron en medallas e modelaron medallas nas que cun selo estamparon a árbore da vida.
Crearon o seu xogo de lóxica cos osos do bosque cos números ata o 20.
Crearon o seu minimundo do bosque con arroz tinxido e con plastilina modelaron as árbores, animais e os insectos.
Na Pascua fixeron antifaces de coellos e coellos coa súas madrigueiras empregando palla. Tamén fixeron un coello estanpamdo a man e decorárono con grafismo creativo.
Durante todo o curso decoraron as ventás da aula con vidreiras feitas con papel de seda de árbores, animais do bosque e insectos, flores e plantas, cogomelos…
As etiquetas das mesas e os colgadoiros foron en consonancia coa temática do bosque. E o abecedario que tiveron na parede durante o curso foi o abecedario do bosque coas letras en maiúscula e minúscula e a palabra coa que empezaban era vocabulario do bosque.
Ilustraron o conto de Georgia O´Keeffe empregando como silueta flores grandes.
Na primavera con cartón de ovos fixeron abellas e flores con cartón e piñas que meteron nun floreiro feito cun bote de cristal que pintaron e decoraron con margaridas.
Polo día do libro fixeron marcapáxinas coa flora e a fauna do bosque.
Para traballar as emocións fixeron un minilibro no que escribiron as emocións ou sentimentos que lles causaban a flora e a fauna do bosque.
Debuxaron maios e escribiron os elementos que o forman. Na casa coa axuda das familias fixeron cadenetas de flores para o maio do colexio.
Fixeron fósiles de insectos con barro e un "flipbook" deles. Tamén crearon a súa insectoca coas súas regras.
A mascota deste curso foi un esquío, a que lle puxeron o nome de Lía. Para que non se sentira tan soa crearon esquíos con rolos de cartón e piñas.
Cada un fixo un "lapbook" do esquío coas súas partes, ciclo da vida, curiosidades, tipos de esquíos, onde viven, como se di o seu nome en galego, castelán ,ingés e francés, aproveitando para traballar as bandeiras, as súas pegadas e a pel, o que comen, outros animais que habitan no bosque…
Crearon o seu bosque de Touro tendo como referente o bosque pintado de Oma de Agustín Ibarrola e fixeron un miniproxecto del.
Elaboraron un xogo da oca, "O insectoca", co que aprenderon vocabulario e nas casas había sumas e restas, así como nomes de insectos.
A temática do bosque tamén estivo presente na graduación na que o escenario foi un bosque e pintaron bolsas de tela cos animais do bosque e a árbore da vida. Tamén fixeron as máscaras dos animais do bosque para ese día.
Durante todo o curso fixeron o seu calendario no que rexistraron o tempo, debuxáronse mes a mes e para cada mes elixiron un refrán relacionado co bosque, tendo que descifrar o seu resultado, escribilo e facer o debuxo para ilustralo.
Coa colaboración das familias fixeron o conto viaxeiro titulado Lía e o bosque das emocións.
E esto xa vai chegando a súa fin. Pero por aquí vos deixamos o vídeo co resumo de todas as actividades que levaron a cabo ao longo do curso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario