Proxecto Ríos

  Este curso o Plan Proxecta elixido foi "Os ríos". Para poñer en valor a importancia do coidado dos ríos para a vida no bosque e a conservación dos ecosistemasrealizaron unha serie de actividades coa intención de favorecer que o alumnado adquirise unha progresiva conciencia ecolóxica, desenvolvendo actitudes de coidado e conservación do medio ambiente:

 Roteiro botánico no río Lañas co alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO (ruta PR-G 93) na que se fixo fincapé no coñecemento de diferentes especies de plantas autóctonas (árbores, arbustos e herbas) presentes na ribeira do río Ulla, así como na importancia da súa conservación.

 Roteiro de interpretación patrimonial co alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de Educación Primaria que realizaron un tramo da “Ruta dos Tres Ríos” (PR-G 121) polos ríos Beseño e Lañas. Nesta ruta existen múltiples muíños que nos permitiron abordar aspectos relacionados cos xeitos nos que as persoas poden usar auga como fonte de enerxía renovable, ecolóxica e sostible.

 Roteiro de interpretación de flora e fauna para o alumnado de 3º, 4º e 5º de Educación Infantil. Realizouse na área recreativa de Santaia no río Lañas, e foi levada a cabo por un veciño do concello que lle amosou ao alumnado. as diferentes especies animais e vexetais presentes no río cando as augas están puras e como, entre elas, conforman o seu propio ecosistema.

  Saída co alumnado de 5 e 6º de Educación Primaria e 1º de ESO. Na que se inspeccionaron e se recolleron mostras da auga dos ríos Lañas e Portapego. Estas saídas, sempre adaptadas a cada nivel educativo, consisten na inspección visual, toma de datos (características físico-químicas e organolépticas) por parte do alumnado e na recolección de mostras de macroinvertebrados bentónicos para a súa posterior análise no laboratorio. O alumnado de 1º de ESO amosou ao resto do alumnado o funcionamento dunha ETAP e dunha EDAR. Na mesma tamén se visitou a pranta de augas potabilizadora municipal.

 


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario