Obradoiro de Baile tradicional galego

 Na semana de Entroido as aulas de Educación Infantil enchéronse de música, cores e texturas moi especiais. Tivemos a sorte de recibir a visita de Iris, bailarina da Asociación Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, que nos achegou un anaco do noso patrimonio vivo: o traxe tradicional galego.

Fomos descubrindo os elementos característicos do traxe galego femenino e masculino; é algo mais que roupa posto que é unha linguaxe que nos fala da nosa historia e da nosa diversidade. Iris amosounos as diferentes partes que compoñen a vestimenta, permitindo que o alumnado as ollase de preto e tocase o tecido da saia ou o liño da camisa.

Nesa xornada descubrimos que en Galicia non todos vestiamos igual. Iris falounos dos complementos segundo a zona, dende o uso das zocas  e os coidados a hora de bailar, ata o emblemático do sombreiro de San Cosme.

Tamén nos comentou o simbolismo do pano. Este foi un dos momentos máis fascinantes foi aprender que a forma de atar o nó do pano non era casual; cada xeito de colocalo garda un significado segundo esteas casada, solteira ou viúva.

Pero a teoría deu paso á práctica do xeito máis vibrante posible. Primeiro vimos algúns vídeos onde ela participaba, despois fixo unha demostración acompañada polo alumnado de 5 anos e por unha rapaza de Primaria.

Para rematar, Iris ensinounos a todos un punto moi sinxelo. En poucos minutos, toda a aula estaba acompasando os seus pasos, compartindo un baile conxunto que nos fixo sentir parte dunha mesma tradición.

Queremos dar as grazas de corazón a Iris e a Cantigas e Agarimos por compartir o seu tempo e a súa paixón con nós. Deixáronnos o corazón cheo de baile e moitas gañas de seguir aprendendo!
















Ningún comentario:

Publicar un comentario