Velaí veñen o Samaín e o Magosto. Nestas dúas festas populares galegas empregamos as cabazas, as espigas e as castañas como base para achegármonos ao outono. Con elas lembramos tamén tradicións que teñen que ver cos recordos dos que viñeron antes ca nós, con máis motivo este ano, coa celebración do 50 aniversario do noso centro e coa celebración do Ano da historia. Dende os Equipos de Dinamización Lingüística e de Biblioteca, do CPI Fonte Díaz, e dende a súa páxina, www.facebook.com/movealingua e www.instagram.com/movealinguatouro, temos preparadas unha serie de actividades para celebrar estas festas.
Concurso de Cabazas da Historia. Durante estas datas as distintas titorías de Infantil e Primaria poden participar no concurso de Cabazas da Historia. Este curso a temática para decorar as cabazas será a historia (personaxes históricos, monumentos, distintas épocas...). Lembrade que podedes empregar follas, castañas, landras e calquera outro material que poidades precisar para a súa decoración. Os días para traer as cabazas ao colexio serán o luns 28 e o martes 29 de outubro. Poderán participar todos os alumnos/as de Infantil e Primaria. Este ano, ao tratarse dun concurso, as cabazas virán co nome, apelidos e curso do alumno ou alumna, escrito na parte de abaixo da mesma de xeito que permaneza oculto á vista. O xurado estará composto polo alumnado voluntario da biblioteca e farase entrega de tres premios, que se resolverán o día 20 de decembro. As fotos aparecerán en www.facebook.com/movealingua, así como en www.facebook.com/Biblioteca-CPI-Fonte-D%C3%Adaz-Touro.
Concurso Fotográfico Lugares de Memoria. Todos os cursos da E.S.O. poderán participar neste concurso de fotografía no que vos pedimos que plasmedes lugares históricos do concello (castros, pazos, cruceiros, pontes, igrexas, balneario, hórreos, campamentos romanos, mámoas, dolmens, petróglifos, fontes, petos de ánimas...). As fotografías serán enviadas aos correos de Movealingua e da Biblioteca movealinguatouro@gmail.com e bibliotecacpifontediaztouro@gmail.com. As fotos deberán vir acompañadas dos seguintes datos: autor/autora da foto, lugar e descrición e, se é posible, data ou época. A data límite para enviar os correos é o luns 2 de decembro. Terase en conta para a resolución do premio a calidade da fotografía e que cumpra as bases do concurso.
O día 30 de outubro os alumnos/as que o desexen poderán vir caracterizados ao colexio con disfraces relacionados co Samaín.
O libro de Receitas dos avós: animámosvos a que nos mandedes receitas vencelladas á historia das vosas familias, receitas típicas das vosas celebracións familiares, doces ou salgadas e de calquera época do ano. Para iso, mandarémosvos un modelo que poderedes cubrir coa axuda dos vosos fillos/as. A data límite para entregar as receitas é o mércores 30 de outubro.
O día 4 de novembro cúmprense 50 anos da inauguración do noso cole. Para festexar esa data tan significativa queremos facervos a seguinte proposta: o día 5 de novembro propoñémosvos vir vestidos dos anos 70, recordando ese primeiro día de funcionamento do centro. Animámosvos a que veñades con vestimentas que recorden a esa época alumnado, profesorado, persoal non docente e as familias que veñades traer e/ou buscar á rapazada.
O EDL e o Equipo de Biblioteca do CPI Fonte-Díaz en Touro quere agradecer de antemán o traballo de todos e todas. Esperamos que poidades colaborar para practicar o Samagosto, esa festa inventada en Touro hai uns anos e que promete moito. Grazas de novo!
ENL e o EB do CPI Fonte-Díaz
Ningún comentario:
Publicar un comentario