Achegámonos ao final do primeiro trimestre e queremos deixarvos unhas recomendacións lectoras para estas vacacións. Agardamos que vos gusten e lembrámosvos que todos os libros aí recomendados están á vosa disposición na biblio. Xa sabedes onde estamos, agardámosvos!
Entrega de premios
O pasado luns, como xa vén sendo tradición, levouse a cabo a entrega de premios dos distintos concursos convocados ao longo deste primeiro trimestre polo Equipo da Biblioteca e o Equipo de Dinamización Linüística. Dúas voluntarias da biblioteca foron as encargadas de facer de mestras de cerimonia, polo que lles damos as grazas!
Entregáronse os premios ás mellores cabazas:
Cantos de Reis
Que xornada tan emotiva vivimos o luns! Repetimos as visitas que tantas alegrías nos deron o ano pasado, así que volvemos levar os nosos Cantos de Reis (con repertorio ampliado!) ao PAI (Punto de Atención á Infancia) á residencia de maiores "Os Tercios". De volta cara o colexio paramos tamén no Concello e nunha cafetería para animar aos veciños e veciñas da vila. Unha xornada moi fermosa, na que fomos moi ben acollidos e acollidas e que nos encheu de ledicia. Moitas grazas ás mestras do PAI, ás coidadoras, usuarios e usuarias da residencia, ao persoal do Concello e, sobre todo, ao alumnado e aos mestres que prepararon e fixeron posible que as panxoliñas chegasen a tanta xente, moitas grazas! Esperamos repetir!
Pasapalabra Musical
Neste Ano da Música decidimos convocar o concurso de Pasapalabra Musical. Hai dúas categorías, unha para Infantil e Primaria e outra para Secundaria. Elaboramos o noso rosco e as tarxetas coas preguntas correspondente e están colocados no panel fronte á porta da biblio, así que podedes pasarvos a botarlles un ollo e tentar resolvelos. Animádevos a participar!
Biblionadal
Con motivo da chegada do inverno, o EDL e o EB do CPI de Fonte Díaz quere convocarvos a todos e a todas a varias actividades centradas este ano no Nadal. Para iso propoñémosvos:
-Concurso de Poemas (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e Secundaria). As poesías ou poemas terán unha extensión libre, con calquera número de versos e rima ou verso libre. O tema dos poemas terá que facer referencia obrigatoriamente ao á música. As poesías entregaranse na biblioteca nun folio co nome, apelidos e curso do alumno/a (escritos por detrás da poesía). A data límite de entrega será o martes 3 de decembro.
- Concurso de debuxos sobre o Nadal (para E.Infantil e 1º e 2º de E. Primaria). Os debuxos terán que facer obrigatoriamente referencia á música. Os debuxos entregaranse na biblioteca nun folio co nome, apelidos e curso do alumno/a (escritos por detrás do debuxo). A data límite de entrega será o martes 3 de decembro.
-Algúns dos debuxos e dos poemas gañadores destes concursos irán na Postal que se mandará ás casas para felicitar o Nadal.
-Concurso de decoración de portas relacionadas coa música (o xurado pasará a valorar as portas á volta das vacacións de Nadal e o premio entregarase o Día do libro).
-Concurso Pasapalabra Musical. Colocaremos
dous roscos, un para Infantil e Primaria e outro para Secundaria, con preguntas
relacionada coa música e que o alumnado terá que adiviñar. As respostas
entregaranse na biblioteca antes do 18 de decembro.
Os premios de todos estes concursos (agás o das portas) entregaranse a día
19 de decembro.
Dende o EDL e o EB agradecemos de novo a vosa colaboración e entusiasmo.
Club de Lectura Lectour@s. Inicio
Xa está en funcionamento o Club de Lectura!
Comezamos colocando os carteis polos corredores, así como nas redes sociais da biblioteca, animando a todos e a todas a participar e convocamos unha primeira reunión para saudarnos e falar do calendario de reunións.
Visita ao Museo do Pobo Galego
No mes de novembro o alumnado de 3º da ESO fixo unha visita ao Museo do Pobo Galego e á exposición sobre Castelao, na Cidade da Cultura. En Bonaval, as mozas e mozos participaron nun obradoiro de cantareiras, onde regueifaron a esgalla. Ademais, como se pode ver nas fotos, tamén lle deron ao baile tradicional. Neste Ano da Música seguen a demostrar que son uns artistas!
25 N
A arte pode cambiar o mundo. Por iso, no noso cole facémoslle fronte á violencia de xénero con palabras e música, especialmente neste Ano da Música. Ao longo da semana do 25 N leváronse a cabo varias actividades relacionadas co Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.
Grazas á ANPA A Santaia, o grupo Migallas teatro empregou a literatura e a creatividade para traballarmos a igualdade e os etereotipos. Tocando instrumentos como o acordeón ou o "hang drum" e dramatizando contos como Rosa caramelo, Guapa ou O coelliño branco, todo o alumnado do centro gozou e aprendeu ao mesmo tempo.


































.png)
























