O pasado martes, 21 de abril, e dentro das actividades do Día do libro, levouse a cabo a actividade que máis ilusión les fai aos voluntarios e voluntarias da biblioteca, os apadriñamentos lectores. O alumnado voluntario leu varios libros ao alumnado de Infantil. Uns e outros gozaron da lectura ao aire libre, compartindo esta experiencia que tanto pracer lles dá. Só podemos dar os nosos parabéns aos voluntarios e voluntarias, conseguirán manter a atención dos pequenos e pequeñas en todo momento!
LECTOUR@S
MIL CONTOS POR CONTAR
Día da Poesía
O día 21 de marzo celébrase o Día da Poesía e, un ano máis, no noso centro quixemos celebralo dun xeito especial. O alumnado voluntario da biblioteca fixo un recitado que decicou aos residentes e traballadoras de Os Tercios, a residencia de maiores de Touro. Fano sempre con moito agarimo e este ano non podía ser doutro xeito. Agardamos que lles guste moito!
Moitas grazas a todos e a todas por permitirnos achegarnos, aínda que sexa deste xeito, ata a vosa casa!´
Concerto do Dúo Trevo
O pasado luns vivimos unha xornada moi especial, un marabilloso concerto que o Dúo Trevo quixo agasallar a todo o alumnado e profesorado do centro. Foi un concerto extraordinario neste Ano da Música, polo que non podemos máis que dar as grazas a Olga e a Natalia por esas fermosas interpretacións, pola súa paixón ao transmitirnos a súa música e pola súa xenerosidade. Un día inesquecible!
Lecturas para o 8M
Aquí vos deixamos unha selección de lecturas para celebrar o Día da Muller. Xa sabedes que podedes achegarvos á biblio e elixir entre estes e outros moitos máis, agardámosvos!
Mulleres na música
Coincidindo co Día da muller, e neste Ano da música, o alumnado de todos os cursos estivo a investigar sobre mulleres relacionadas coa música. Descubriron cantantes, compositoras, músicas e directoras sobre as que despois elaboraron un mural que está exposto no corredor de entrada ao comedor. A meirande parte delas eran totalmente descoñecidas para o alumnado, así que, que este 8 de marzo sirva para lembrar que cada paso conta. Polo dereito a ser quen queiramos ser. Feliz Día da Muller!
Sofía Oriana Infante Souto (compositora)

Dando a chapa co 8M
O pasado 8 de marzo foi o Día da Muller, pero no noso centro festexámolo ao longo de toda a semana anterior. O alumnado deseñou e fixo chapas que despois, e baixo o leme "Dando a chapa co 8M" alumnado voluntario da biblioteca e alumnado de Infantil, repartiu pola feira, acompañados da música interpretada polos músicos e músicas de 6º de Primaria. Unha xornada para celebrar e reivindicar! Parabéns a todos e a todas as que participaron e moitas grazas aos veciños e veciñas de Touro polo amable recibimento das chapas!
Caldo de gloria
Como xa vén sendo tradición, o Día de Rosalía tamén se celebrou no comedor. Ese día, e grazas ao bo facer do persoal de cociña e da encargada de comedor, puidemos gozar dun rico caldo de gloria, así como dunha sobremesa especial, a torta de Rosalía. Ademais, cada comensal atopou no seu prato un marcador cun poema de Rosalía. Unha tradición que nos encanta manter.
Feliz Día de Rosalía!
Día de Rosalía 2026
A pasada semana celebramos o Día de Rosalía. Seguindo as propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, animamos a cada titoría a elixir un poema de Rosalía e gravar un vídeo recitando dito poema. Ao longo da semana fóronse subindo algúns deles ás redes sociais da biblioteca e ás do EDL baixo o lema proposto pola AELG, #maiselestamenperdidos, pero agora recompilámolos todos aquí para que poidades gozar deles. Todos os cursos fixeron un gran traballo, polo que non podemos máis de que dar os parabéns e as grazas a todos e a todas por participar!
Descubrindo a zanfona
Onte recibimos unha visita moi especial! Visitounos Eloi, músico profesional, para descubrirnos este instrumento tan especial. A zanfona está presente no mural da nosa biblioteca e é a protagonista dun dos equipos de aula en Infantil, por iso tiñamos tanto interese e coñecela. Eloi, explicou como é, como se usa e despois, acompañado polo mestre Xacobe á gaita, deron un pequeno concerto ao alumnado de Infantil e de 6º de Primaria no que rematamos todos e todas bailando. Unha xornada moi intersante e sorprendente! Moitas grazas a Eloi e a Xacobe por este decubrimento!



















































