As actividades que se desenvolveron ao longo do curso académico 2024-25 na materia de Lingua Castelá e Literatura foron estruturadas conforme aos distintos cursos da ESO e por trimestres.
En 1ºcurso da ESO:
PRIMEIRO TRIMESTRE:
Aproveitando as lecturas relacionadas coas celebracións do primeiro trimestre, tratáronse os seguintes temas: historia do Samaín, do Halloween, Día de Santos, Día de Difuntos. (Lecturas: “Historias de monstruos”; “Historias de fantasmas”).
Para o Nadal, a lectura escollida foi “Cuento de Navidad”, de Charles Dickens, e fixéronse presentacións sobre esta celebración en distintos países e as súas tradicións.
SEGUNDO TRIMESTRE:
Historia dos distintos alfabetos e soportes de escritura: as orixes da escritura, a escritura cuneiforme, a escritura xeroglífica, a Pedra de Rosetta, os papiros, os pergamiños, os distintos alfabetos, as linguas amerindias. Rematamos este trimestre co estudo doutros sistemas de comunicación alternativos: o alfabeto dactilográfico, o Braille, e tamén a importancia das emoticonas e emojis na comunicación actual en plataformas virtuais.
TERCEIRO TRIMESTRE:
Tema libre, pero a escolla do tema debía cumprir un requisito: tratar sobre obxectos, instrumentos musicais, inventos, descubrimentos, etc., que permitisen falar da súa evolución no tempo, é dicir, da súa historia.
Partindo desa premisa, fixéronse exposicións sobre: o teléfono, o telescopio, o bolígrafo, o mate (infusión de orixe amerindia), a roda, a pandeireta, as redes sociais.
En segundo curso da ESO:
PRIMEIRO TRIMESTRE:
Ao tempo que na aula tratabamos as orixes da literatura occidental e líamos coleccións de contos coa estrutura de “relato marco e relato enmarcado”, mitos, lendas e novelas, fomos aprendendo as características deste xénero e os seus subxéneros. Así que, a partir destas lecturas e dos coñecementos adquiridos, o alumnado elaborou presentacións, previo guión entregado pola profesora, sobre os distintos tipos de narracións, a súa orixe e as súas características. Buscou información sobre autores/as de contos ou de novelas de distinta tipoloxía (aventuras, fantástica,terror,histórica,realista,etc.)e expuxo as súa información ao resto da clase.
SEGUNDO TRIMESTRE:
Centrouse na lectura de biografías de personaxes destacados en distintas facetas da arte, literatura, descubrimentos, labor social etc. A partir da lectura das biografías, o alumnado elaborou presentacións que foron expostas ao resto dos compañeiros e compañeiras: Ana Frank, Rosa Parks, Scott e Amundsen, Shakespeare, Cervantes, Marie Curie, etc.
TERCEIRO TRIMESTRE:
Tema de libre elección, pero que debería ser algo do que se puidese tratar tamén a súa orixe e posterior evolución no tempo. Así xurdiron temas diversos como: distintos deportes e regras de xogo, invencións, modas en vestimenta e calzado nas distintas épocas e civilizacións, o descubrimento das vacinas, os automóbiles e os tipos de motores, as consolas e a súa evolución.
En 3º curso da ESO:
PRIMEIRO TRIMESTRE:
Co estudo da Idade Media e a lectura de “El conde Lucanor”, o alumnado creou, por parellas, un novo conto con copla final moralizante. Imaxinaron situacións actuais nas que sería bo recibir un consello para enfrontar, de maneira reflexiva, unha situación vital. Tratáronse, deste xeito, as colección de contos de orixe oriental baseadas na estrutura de“relato marco e relato enmarcado” como As mil e unha noites.
SEGUNDO TRIMESTRE:
Chegado o estudo do Renacemento, o alumnado puido ampliar o coñecemento deste período a través de traballos de investigación sobre aspectos concretos desta época e a presentación posterior destes ao resto da clase: orixe italiana e figuras clave (Dante, Petrarca, Boccaccio), o Renacemento en España, innovacións temáticas, métricas, obras e autores.
TERCEIRO TRIMESTRE:
Tema de libre elección, pero debería ser algo do que se puidese tratar a súa orixe e evolución. Así xurdiron temas como: deportes e regras, coñecemento de países e culturas como Arxentina e París. Tratáronse tamén conflitos bélicos, con especial atención á I e II Guerra Mundial Estas presentacións permitiron ver os desastres ocasionados polas guerras e debater sobre as súas nefastas consecuencias e a necesidade de traballar pola paz.
En 4º curso da ESO:
PRIMEIRO TRIMESTRE:
O estudo do Romanticismo, e a recuperación das lendas como parte esencial da prosa deste período, permitiu que o alumnado, a partir da lectura das Leyendas de G. A. Bécquer, crease unha propia e a expuxese, de forma dramatizada, ao resto da clase.
SEGUNDO TRIMESTRE:
Entrevistas ficticias a autores/autoras de períodos estudados neste segundo trimestre: novelistas do Realismo e o Naturalismo, poetas do Modernismo e autores da Xeración do 98. Por parellas, o alumnado intercambiou o rol de autor/entrevistador. Foi preciso indagar sobre a obra e vida dos autores/autoras seleccionados e traballar a entrevista
TERCEIRO TRIMESTRE:
O formato de entrevista para coñecer a vida e obra de autores literarios tivo éxito e no terceiro trimestre decidiuse seguir con el. Nesta parte final do curso realizáronse entrevistas a representantes de períodos estudados no terceiro trimestre: Novecentismo, Xeración do 27, poetas e novelistas hispanoamericanos. De novo, por parellas, o alumnado intercambiou o rol de autor/entrevistador para expor a vida e obra dos autores seleccionados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario