Hoxe queremos compartir o vídeo no que se resumen todas as actividades que se levaron a cabo no noso centro ao longo de todo este curso. O PDI de centro foi A histora, pero tamén, e relacionado con iso, celebramos o 50 aniversario no noso centro. Por todo isto, foron moitas as actividades que se desenvolveron, tanto propostas polo Equipo da Biblioteca, o Equipo de Dinamización Lingüística, o Departamento de Orientación como pola Dirección do centro e foron moitas as persoas implicadas nas mesmas. Polo tanto, só nos queda dar as grazas a todos e a todas e desexar que vos guste este pequeno resumo.
Programa de radio 50 aniversario.
O alumnado de Proxecto Competencial de 2º e de 5º de Primaria realizou un programa para celebrar os 50 anos de historia do colexio. Para iso levaron a cabo varias entrevistas que recolleron no programa que vos compartimos a continuación. Entre os entrevistados e entrevistadas contamos con antigas alumnas, alumnas actuais, unha profesora, a directora ou a cociñeira. Agardamos que vos guste!
Programa de radio 50 aniversario
Radio aniversario.
Con motivo da celebración do 50 aniversario do centro a radio instalouse na biblioteca, normalmente ten o seu propio espazo, e alumnado de 5º de Primaria realizou entrevistas a diferentes persoas que quixeron celebrar eses 50 anos de vida. Aquí vos deixamos as diferentes entrevistas, esperamos que as gocedes tanto coma nós.
Revista "50 anos de aprendizaxe e convivencia"
Hoxe queremos compartir o enlace á revista editada con motivo do 50 aniversario do noso centro. Agardamos que vos guste!
Revista 50 anos de aprendizaxe e convivencia
Canción 50 aniversario
Este curso, no que se xuntou o Ano da Historia coa celebración do 50 aniversario do colexio, o mestre de música de Primaria realizou un vídeo para acompañar unha canción homenaxe a esta data tan sinalada. Para poñer voz á canción, ademais de algún mestre e mestra máis, contou coa colaboración de tres alumnas de Secundaria, Zahira, Claudia e Fabiola, que tamén son cantareiras, polo que queremos agradecer a súa colaboración.
Parabéns por este fantástico traballo!
Celebración do 50 aniversario
O pasado sábado, 17 de maio, vivimos unha xornada chea de emotividade coa celebración do 50 aniversario do noso centro. Houbo actuacións musicais e teatrais, exposicións, entrevistas de radio e creatividade, pero sobre todo, moitos reencontros. Foi marabilloso ver a ledicia dos saúdos dos que, en moitos casos, levaban anos sen verse, escoitar as anécdotas do seu paso polo colexio e poder celebrar todas e todos xuntos estes 50 anos de historia. Moitas grazas a todos e a todas os que pasaron polo cnetro ao longo do día e a todas e a todas os que fixeron posible que fose un día inesquecible.
Exposición "50 anos de memoria"
Con motivo da celebración do 50 aniversario do noso centro, dende a biblioteca preparamos unha exposición con obxectos que recrean estes 50 anos de vida do colexio. Obxectos relacionados coa dirección, de cociña e do comedor, a enfermería, os deportes e, como non, as aulas e a biblioteca. A exposición está distribuída por diferentes espazos, pero tamén tentamos recrear unha aula na que se recolleron non só obxectos que aínda permanecían no cole, senón tamén algúns que aportaron as familias como libros de texto, traballos manuais, libretas ou revistas. O día da celebración do 50 aniversario a exposición estivo aberta para que todos e todas os que se achegaron ao centro puidesen gozar dela.
I Concerto Intercentros
O pasado xoves, 15 de maio, dentro das actividades do 50 aniversario do centro, tivo lugar no noso cole o I Concerto Intercentro. Organizado polos mestres de música dos tres centros participantes , e a colaboración de outros mestres de cada un dos centros, reuniu alumnado e familias do CPI Camiño de Santiago de O Pino, o CEIP Ortigueira de Vedra e o noso CPI Fonte Díaz de Touro. Cada centro interpretou dúas pezas e para rematar todos xuntos interpretaron outras dúas poñendo así un fermoso punto e final ao concerto. Foi unha xornada de música e convivencia intercentros que estamos desexando repetir, sen desbotar a posibilidade da incorporación de máis centros no futuro.





















































