O Ano da Historia en 4º de Infantil.

 Comezaron o curso coñecendo a orixe celta do Samaín, facendo cada alumno/a un libro con forma de cabaza e facendo unha traballo manual dun castro cun rolo de papel, o teito con cartolina e poñéndolle palla. Investigaron como eran os castros visualizando algúns dos máis próximos como o castro de Baroña e o de Santa Tegra.

 Neste inicio tamén coñeceron as emocións coa historia do Monstro de Cores, facendo cada alumno/a o seu libro das emocións decorando con distintas técnicas plásticas e aprendendo a canción do Mostro de Cores. Tamén fixeron os experimentos das cores con mesturas en pipetas.

 Chegou o momento de investigar sobre a orixe dos dinosauros facendo un proxecto sobre os mesmos. No nadal fixeron abetos de cartón en 3D que decoraron con dinosauros. Investigaron sobre os tipos de dinosauros segundo o seu hábitat (terra, mar e auga),tamén segundo a súa alimentación (carnívoros, herbívoros e omnívoros), coñeceron as súas partes, distinguiron diferentes animais ovíparos, fixeron labirintos, xogos de asociación de sombras e números. Coñeceron a profesión de paleontólogo/a investigando sobre a vestimenta, os instrumentos e utensilios que precisa para facer o seu traballo. Fixeron os carnés de paleontólogos/as e tiveron a misión de liberar aos dinosauros. Coñeceron os estados da auga e así foi como tiveron que rescatar os dinosauros que estaban conxelados empregando diferentes instrumentos. A misión non foi doada pero foi moi divertida.

 Fixeron o experimento de meter un ovo misterioso que apareceu pola aula en auga e saíu un dinosauro. Rexistramos o proceso.

 Fixeron unha obra de arte coas pegadas dos dinosauros. Decoraron máscaras de triceratops.

 Aprenderon como foi o proceso de extinción dos dinosauros.

 Fixeron os seus dinosauros empregando para facelos piñas e as patas en cartolina e outros coas mans e as pegadas dos dedos.

 Xogaron ao bingo dos dinosauros como actividade para pechar o proxecto e que lles serviu para repasar o vocabulario aprendido.



 Durante o proxecto aprenderon varias cancións sobre os dinosauros e a que máis gustou na aula foi a dos Dez Pequenos Dinosauros. De todos os contos que contaron sobre os dinosauros quédanse co do Enfadosaurio.

 E como peche do proxecto realizaron un taller de galletas con forma de dinosauro. Entre todos mesturaron os ingredientes necesarios para as galletas, amasaron e finalmente cos moldes de dinosauro conseguiron a forma da galleta. Ao día seguinte comeron as galletas na merenda.

 Crearon o xogo dos ovos dos dinosauros con dez diferentes, con distinta cor e número e que inicialmente había que colocar na mancha de cor do mesmo dinosauro. Despois tamén lles serviu para aprender a contar e facer a serie numérica en sentido crecente.

 Outro dos xogos que crearon foi para aprender a escribir o nome no que había unha modelo co nome de cada alumno/a e as pinzas coas letras do seu nome e cun bisonte. Inicialmente xogaron a asociar cada pinza coa letra que era igual. Despois pasaron a copiar as letras e tratar de identificar a letra inicial e a final do seu nome. Unha vez que cada neno/a aprendeu as escribir o seu nome intercambiaron as modelo entre eles.

 Fixeron o seu sorteo da lotaría da historia no que no boleto estaba o rostro da nosa escritora Rosalía de Castro. Para este sorteo a ruleta de Google foi a encargada de ir quitando os números.

 Outro dos proxectos que realizaron foi a Prehistoria. Comezaron facendo o xogo dos nomes prehistóricos dos alumnos/as e dos mestres e mestras que imparten docencia na aula. En cada óso prehistórico había un nome que tiñan que clasificar en función da súa letra inicial e conseguir buscar todos os que empezaban pola mesma letra. Tamén xogaron a buscar os nomes longos e os curtos contando as súas letras. Clasificaron os nomes segundo as súa letra final e buscaron as vogais dos diferentes nomes…

 Logo pasaron a decorar a porta da clase recreando a súa particular prehistoria. Comezaron pintando o fondo en papel continuo branco de cor marrón mesturada con espuma de afeitar e azul. Colocaron a súa fotografía de paleontólogos/as e ao lado un fósil de dinosauro, un volcán e os seus nomes en ósos. Crearon unha coviña que decoraron con cavernícolas, dinosauros e un mamut ao que lle puxeron lá e fixeron ferramentas, modelaron pratos e cuncas, fixeron fósiles…

 Decidiron facer o seu minimundo da Prehistoria empregando como base garavanzos e grans de millo, cartón para realizar a cova, os cavernícolas con cartolina e animais de plástico como mamuts, bisontes, rinocerontes…

 Modelaron con pasta fósiles de dinosauro e ósos que empregaron para a realización dos colares da Prehistoria, nos que tamén inserriron bólas de madeira.

 E, como non, fixeron pinturas rupestres con bisontes. Coa palma da súa man fixeron o lume e aprenderon os usos que lle daban na Prehistoria. Tamén fixeron mamuts a partir do conto o Cómo lavar a un mamut Lanudo e para os que empregaron la de cor marrón.

 Xogaron ao bingo desta etapa da historia e fixeron o xogo de cosido con elementos dela.

 De cada un dos proxectos que fixeron tivemos tarxetas de escritura: dinosauros, Prehistoria, Antiga Roma e o Lugo romano.

 Xogaron cos libros interactivos das 3 etapas da Prehistoria: Paleolítico, Neolítico e Idade dos Metais nos que había que colocar os personaxes e os elementos na etapa correspondente.

 A partir disto crearon o cómic destas tres etapas da Prehistoria que decoraron con gomets.

 Polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a muller fixeron coroas do conto de Carapuchiña Vermella e recitaron o final do conto adaptado.

 No nadal crearon o seu abeto dos inventos e cada día do mes foron investigando sobre un invento e o seu inventor. Tamén coñeceron a historia do Apalpador con diferentes contos e decoraron as fiestras con bólas que pintaron con espuma de afeitar e témpera.

 Fixeron o seu mural da guerra de Ucraína para a exposición da Historia das Guerras. Unha oportunidade para a Paz,no que incluímos as causas, as consecuencias e decoraron con pombas coas cores da bandeira deste país nas que escribiron a palabra paz.

 Polo día da amizade e o amor descubriron o mito de Cupido e Psique e fixeron ao deus Cupido cun rolo de papel de cociña, coroas e as frechas para as que empregaron paus que recolleron no patio do colexio.

 Sacaron fotos no tira fotos no acto de inauguración do 50 Aniversario no que todos viñemos vestidos con roupa desa época.

 Elaboraron o panel da súa asemblea coa temática da historia: as tarxetas dos números e das emocións con dinosauros, o castelo da Idade Media para colocar a fotografía dos nenos/as que viñeron ao colexio, o nome la lista do encargado/a do día en ósos da prehistoria, as tarxetas para colocar o día da semana, número e o símbolo do tempo con elementos da Idade media, os castelos coas familias dos números…

 Crearon e xogaron coa Oca da Idade Media.



 O abecedario da aula tamén estivo tematizado cos inventos.

 Coñeceron a historia do pintor Joan Miró creando o seu cómic sobre el e recrearon o cadro da Bailarina.

 No Entroido coñeceron a historia dos xenerais da Ulla co conto Os Bolechas van de Viaxe aos Xenerais da Ulla. Investigaron sobre eles e tiveron a sorte de que os visitara un pai co traxe de xeneral e lles contara sobre as súas vivencias. Coas súas investigacións fixeron un lapbook con esa temática. Varios alumnos/as trouxeron plumas de pavo coas que se fan os tricornes. Cada neno/a fixo o seu xeneraliño cun rolo de papel e o tricorne con gomaeva, plumas e puntilla dourada. Tamén cada neno/a fixo o seu dominó dos xenerais da Ulla que lles serviu para aprender o vocabulario relacionado coa temática. Colaboraron cos compañeiros/as da ula de 5º de infantil na realización dun tira fotos realizando as letras dos xenerais da Ulla, o cabalo e o tricorne do xeneral. E ata se atreveron a realizar os Vivas!

 Coa axuda das familias que lles enviaron fotos desde o momento en que naceron ata os tres anos realizaron a liña da vida vendo como cambiaron e medraron ao longo dos anos. O máis divertido foi adiviñar quen era o neno/a da foto custando máis identificar as fotografías de cando eran bebés.

 Aprenderon sobre a historia do Caldo de Gloria de Rosalía de Castro e realizaron carautas de escritora.

 Coñeceron as orixes da historia do tractor e investigamos sobre el, vendo como foi evolucionando ao longo das décadas. Tamén recibiron a visita dunha familia co seu tractor.

 Gozaron moito coa xincana dos dinosauros resolvendo as dez probas que lles propuxeron (xogos psicomotrices, crebacabezas, cancións, adiviñas…) finalmente atoparon os dinosauros agochados. En toda a xincana acompañounos a súa mascota Samia, a dinosaura.

 No Entroido caracterizáronse de romanos/as e aí xurdiu a súa curiosidade polo Imperio Romano. Para o seu disfrace fixeron un colgante que semellaba un mosaico. Colocaron pasta de modelar branca sobre unha tapa e incrustamos na pasta cristais de cores que semellaban as teselas dos mosaicos romanos.

 Montaron o seu recuncho da antiga Roma na aula con diferentes contos, denarios, crebacabezas, o chaveiro dos deuses e as deusas romanos, as tarxetas de vocabulario, xogo dos números, tarxetas de escritura, xogo do cosido, xogo de vestido dos romanos… Neste recuncho dedicaron unha pequena parcela ao Lugo romano con crebacabezas da muralla e a torre da Mosqueira, un imán da muralla, libros…

 A partir das súas investigacións decidiron facer un lapbook dos romanos empezando por saber o que é un lapbook e como podían realizalo.

 Nese lapbook empezaron buscando no mapa de Europa onde estaba Italia e, dentro dela, Roma. Investigaron sobre a moeda romana, o denario, os tipos de goberno que houbo na antiga Roma: Monarquía, República e Imperio. Contaron a lenda de Rómulo e Remo, asociaron os 6 primeiros números cos seus correspondentes números romanos; investigaron sobre as construcións romanas e a arquitectura da cidade romana, a pirámide da sociedade co emperador, patricios, plebeos, escravos e libertos, souberon que o latín era o idioma dos romanos, fixeron un mural con algunhas palabras en latín que aprenderon e outro dos números romanos; souberon que xa existían os deportes nesa época e centráronse nas loitas de gladiadores e as carreiras de cuadrigas. Cunha aplicación de xerador de códigos QR xeraron os códigos das páxinas web que empregaron e que puxeron no seu lapbook; traballaron algúns dos deuses e as deusas romanas investigando sobre eles e, dada a curiosidade que xeraron, crearon o seu Olimpo na aula con dúas columnas xigantes que pintaron e cada neno/a decorou un deus ou deusa e escribiu o seu nome. No seu lapbook meteron un sobre con tarxetas dos deuses e deusas e outro sobre con tarxetas do exército romano. Investigaron sobre os centurións e a súa vestimenta. Decidiron facer o escudo romano e un traballo manual dun romano/a cada un.














 Despois disto, como planearon unha saída didáctica á cidade de Lucus Auguti, decidiron facer un lapbook sobre o Lugo romano. Como actividade previa á saída a mestra preparou unha presentación sobre a cidade de Lugo e os seus monumentos da época romana.




















 Como actividade motivadora a mestra tamén fixo unha canción cunha aplicación de intelixencia artificial xenerativa na que meteu o seu nome e o de todos os alumnos/as da clase coa temática dos romanos. Foi un verdadeiro éxito na aula pedíndolle á mestra unha e outra vez que volvese poñer a canción.


 Comezaron situando no mapa de Galicia as 4 cidades galegas e traballaron un monumento romano de cada unha (Torre de Hércules, Muralla de Lugo, Ponte romana de Ourense e os Petróglifos de Campo Lameiro). Logo xa se centraron nos monumentos de Lugo: a muralla, a escultura dos fundadores, a escultura da Biga, a do soldado romano, as termas, a piscina e a ponte romana.

 Fixeron un crebacabezas da muralla de Lugo. Cada neno/a pintou a súa torre da Mosqueira e con todas montaron a súa muralla de Lugo.

 Na Bolsa Viaxeira levaban libros sobre os dinosauros, Roma e a Prehistoria. Unha das actividades que realizaron coa colaboración das familias foi un invento. Cada alumno/a elixiu o invento sobre o que ía traballar e investigou sobre el. As creacións resultantes foron verdadeiras obras de arte. Queremos agradecer de novo a colaboración das familias nesta tarefa. Cada neno/a explicou como fixo o seu invento coa súa familia e para que servía. Montaron unha pequena exposición con eles.













As familias foron as protagonistas na celebración dos aniversarios dos seus fillos e fillas de 4º de Infantil. Cada alumno/a coa axuda da súa familia investigou sobre o dinosauro que lle tocou. Logo na aula explicaron sobre el: características, alimentación, hábitat…

 Foron moitas as actividades realizadas sobre os dinosauros nos aniversarios: presentacións, libros interactivos, lapiseiros, crebacabezas, ovos de dinosauro, decoración con gomets de dinosauros, pulseiras…

 A todas estas actividades das familias dedicarémoslle unha entrada propia no blog.

Aquí vos deixamos o vídeo co resumo de todos eses obradoiros. Moitas grazas ás familias pola súa xenerosidade e colaboración.

 E, finalmente, crearon unha oca sobre a Idade Media coa que aprendemos feitos e vocabulario desta etapa.

 A mestra deste curso fixo un vídeo no que resume todas as actividades que levaron a cabo na aula con motivo do Ano da Historia. Cantro traballaron, parabéns!



Ningún comentario:

Publicar un comentario