As familias xogaron un papel moi importante e activo na aula de 4º de infantil implicándose desde o primeiro momento do curso. Foron moitas as actividades que realizaron: traballos manuais, cancións, elaboración de libros, pulseiras, presentacións, visita dun xeneral e dun tractor, aportaron materiais… De novo queremos agradecer ás familias por tanta colaboración durante o curso.
Na reunión de principio de curso mestra e familias decidiron conxuntamente que a temática da celebración dos aniversarios serían os dinosauros e que cada familia faría unha actividade ao redor deste eixo.
No primeiro aniversario tocou coñecer ao Oviraptor. A familia elaborou un libro sobre as características deste dinosauro que nos contou na aula. Tamén colorearon un Oviraptor.
No cuarto aniversario tocou coñecer ao Alosaurio. A familia coa colaboración da nena elaborou un libro sobre este dinosauro, características, hábitat, alimentación… Este libro quedou para o recuncho dos dinosauros da aula.
No quinto aniversario tocou coñecer ao Pterodactylus. A familia elaborou un libro coa información sobre este dinosauro e tamén un crebacabezas con depresores para cada neno/a que montaron unha e outra vez.
No sexto aniversario tocou coñecer ao Branquiosaurio. A familia trouxo un conto do mesmo, un xogo dos dinosauros e unhas bandeirolas do aniversario que agasallaron para a aula para os vindeiros aniversarios. Entre todos realizaron un traballo na aula, a mamá trouxo a pegada do dinosauro en cartón a tamaño real e os nenos/as deixaron dentro dela a silueta das súas mans co seu nome.
No sétimo aniversario tocou coñecer ao Deinocheirus. A familia realizou un libro coas características deste dinosauro e trouxo un dinosauro deste tipo para colorear. Realizaron un lapiseiro cun vaso de cartón no que colocaron a silueta deste dinosauro e que decoraron con gomets.
No oitavo aniversario tocou coñecer ao Elasmosaurus. A familia fixo un libro coas características, hábitat, alimentación, o continente no que viviu…que contou na clase. Fixeron unha pulseira deste dinosauro. Tamén montaron un dinosauro coas súas partes e ata o disfrazaron.
No noveno aniversario tocou coñecer ao Temnontosaurus. A familia fixo unha presentación sobre este dinosauro e trouxo unha imaxe para colorear.
As familias aportaron materiais para os recunchos dos proxectos: dinosauros, libros, crebacabezas, contos de Roma, disfraces… Tamén tapas para poder realizar os colgantes ao estilo dos mosaicos romanos con teselas…
Outra familia elaborou un xogo de vestido e espido dos diferentes integrantes da sociedade romana (emperador, patricios, plebeos e escravos). Os nenos/as pasárono moi ben con este xogo que só podemos dicir que lles encantou e agradecémoslle a Patricia enormemente por tanto traballo.
Cando investigaron sobre a historia do tractor, e como foron os primeiros e os materiais dos que se fixeran, unha familia ofreceuse a vir ao colexio a ensinarnos o seu tractor. Esta visita foi todo un éxito para os máis pequenos do colexio. Agradecémoslle moito a Alba e a Roberto por esta visita e por contarnos sobre o seu tractor.
E por último dentro da Bolsa Viaxeira unha das actividades foi que cada familia escollera un invento e fixese unha maqueta del. No caderno escribiron sobre cando apareceu, onde e algunha das súas curiosidades. Cos inventos montaron unha exposición e só lles podemos dicir ás familias que estes inventos son verdadeiras obras de arte e que lles estamos moi agradecidas por tanta axuda e colaboración!
Ningún comentario:
Publicar un comentario