Novidades

  Traémosvos as novas incorporacións ao noso catálogo. Xa podedes achegarvos a por elas, agardámosvos na biblio!










Manualidades

  Un ano máis deixámosvos por aquí as manualidades que, con material de refugallo, realizaron os alumnos e alumnas de primaria. Esperamos que vos gusten!











Entrega de premios e remate de trimestre.

  O último día de clase antes das vacacións de Nadal foi un día cheo de emocións. Recibimos unha visita moi especial, fixemos entrega de premios e participamos nun concerto. Unha maneira moi divertida de rematar o primeiro trimestre!

 O primeiro que vivimos nesa xornada foi a visita de Papá Noel e O Apalpador que pasearon polos corredores e visitaron as diferentes clases para que o alumnado lle fixese chegar os seus desexos.


 A continuación fíxose a entrega dos premios aos concursos que se levaron a cabo ao longo deste primeiro trimestre: concurso de cabazas, de debuxos e poemas da historia e de fotos de lugares de memoria (quedando pendente o concurso de Portas da Historia e do Quen é quen? para dar algo máis de tempo para levar a cabo esas actividades). Dúas voluntarias da biblioteca foron as encargadas de presentar e entregar os diferentes premios.







 Estes foron os debuxos e poemas gañadores do concurso e cos que se fixeron as postais que se enviaronás familias.

 E para despedirnos da xornada, recibimos a visita de Cé Orquestra Pantasma que nos fixo cantar e bailar poñendo un divertido final ao trimestre!







Quen é quen?

  Neste Ano da Historia, e con motivo do noso Biblionadal, decidimos facer unha actividade un pouco diferente e que implicou ao profesorado do centro. 

 Trátase do concurso "Quen é quen?" no que propuxemos ao alumnado, e a toda a comunidade educativa, xogar a adiviñar quen se agochaba detrás de fotos antigas. O profesorado enviounos as súas fotos de cativos e colocámolas formando unha árbore de Nadal. Ao seu carón outra árbore cos nomes de todos os participantes para que todos e todas tratasen de averiguar quen era quen. Foi unha actividade moi fermosa, que xerou moita expectativa e foron moitos e moitas os pasaron polas árbores para probar sorte!

 E vós, xa probastes sorte?







Cantos de Reis

  Hoxe queremos compartir unha actividade do noso Biblionadal que nos fixo moita ilusión, os Cantos de Reis.  Neste Ano da Historia quixemos recuperar esta tradición, a dos Cantos de Reis, e levalos á residencia de maiores "Os Tercios" e ao Punto de Atención á Infancia. 

 Os músicos e músicas do colexio, dirixidos polo mestre de música, Gonzalo, e por Xacobe, estiveron ensaiando dous cantos de Reis e o pasado 19 de decembro foi o día elixido para ir cantar, non só á residencia e ao PAI, senón tamén á casa do Concello e a unha das cafeterías da vila. Ese día, os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria (nun comezo ían ser os voluntarios e voluntarias da biblioteca, pero decidimos abrilo a todo o alumnado destes cursos), acompañados dos seus mestres e mestras, de Gonzalo e de unha alumna de Secundaria cantaron e tocaron dúas panxoliñas que animaron e emocionaron aos que as escoitaron.

 Pola tarde, todo o alumnado de Infantil e Primaria gozou dun pequeno concerto interpretado polos seus compañeiros e compañeiras. Foi unha xornada moi especial. inesquecible, polo que non podemos máis que dicir GRAZAS a todos e a todas as que o fixeron posible.















Recomendacións lectoras

  Hoxe queremos compartir as nosas recomendacións lectoras de cara ás próximas vacacións. Esperamos que vos gusten!




No Nadal

 Hoxe queremos compartir as actividades previstas con motivo do Biblionadal. Foron varias as actividades organizadas, moitas das cales se irań resolvendo nas vindeiras semanas.

 Con motivo da chegada do inverno, o EDL e o EB do CPI de Fonte Díaz quere convocarvos a todos e a todas a varias actividades centradas este ano na Historia. Para iso propoñémosvos:

-Concurso de Poemas (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e Secundaria). As poesías ou poemas terán unha extensión libre, con calquera número de versos e rima ou verso libre. O tema dos poemas terá que facer referencia obrigatoriamente ao 50 aniversario do colexio ou á historia. As poesías entregaranse na biblioteca nun folio co nome, apelidos e curso do alumno/a (escritos por detrás da poesía). A data límite de entrega será o martes 3 de decembro.

- Concurso de debuxos sobre o Nadal ( para E.Infantil e 1º e 2º de E. Primaria). Os debuxos terán que facer obrigatoriamente referencia ao 50 aniversario do colexio ou á historia. Os debuxos entregaranse na biblioteca nun folio co nome, apelidos e curso do alumno/a (escritos por detrás do debuxo). A data límite de entrega será o martes 3 de decembro.

-Algúns dos debuxos e dos poemas gañadores destes concursos irán na Postal que se mandará ás casas para felicitar o Nadal.

-Concurso de decoración de portas relacionadas coa historia (o xurado pasará a valorar as portas á volta das vacacións de Nadal e o premio entregarase o Día do libro).

-Concurso Quen é quen? Nestas últimas semanas solicitamos unha foto do profesorado na etapa da infancia para realizar unha montaxe e que o alumnado adiviñe quen é quen. Montaremos dous abetos, un coas fotos e outro cos nomes na contorna da biblioteca e podedes aproveitar a hora de préstamo ou a Hora de ler para achegarvos co alumnado e xogar a adiviñar.



-Cantos de Reis. O alumnado voluntario de 5º e 6º de primaria, acompañado polo mestre de música, acudirá á residencia Os Tercios, de Touro, (sempre que o tempo o permita) para cantar os Reis, tradición que queremos lembrar neste ano da Historia. Prepararon un par de panxoliñas e acudirán o xoves, 19 de decembro a cantar á residencia.

Os premios de todos estes concursos (agás o das portas) entregaranse a día 20 de decembro.

Dende o EDL e o EB agradecemos de novo a vosa colaboración e entusiasmo.


4 gritos de xustiza

  Dentro das actividades do 25 N, un grupo de alumnas de 3º e 4º da ESO realizaron unha curta, que presentaron ao Concurso de Pezas Audiovisuais convocado pola Xunta de Galicia. Unha curta realizada integramente por elas que despois se proxectou ao alumnado do centro na biblioteca. As alumnas presentaron a curta aos seus compañeiros e compañeiras, resolveron todas as súas dúbidas e falaron de todo o proceso e dos atrancos cos que se atoparon.

 Queremos facer chegar os nosos parabéns ás alumnas por ese gran traballo!





25N

 O luns, 25 de novembro, celebrouse o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller e, ao longo de toda esa semana, no noso centro leváronse a cabo varias actividades organizadas polo Equipo de Igualdade (cEIBEs) coa colaboración do Equipo de Biblioteca e o EDL.

 A primeira actividade tivo lugar o propio día 25. Ás 12 do mediodía tivo lugar unha concentración no campo da festa de Fonte Díaz que contou coa participación, ademais de todo o alumnado e profesorado do centro, persoal do concello e veciñanza, que se colocaron formando un lazo contra a violencia. Léronse dous manifestos, un por parte de alumnas do centro e outro polo persoal do concello e alumnado de todos os cursos recitou unhas frases con finais alternativos a contos tradicionais. O acto rematou coa lectura dun poema por parte de alumnado de Secundaria.

 






 Previamente, ese mesmo día, alumnado do Equipo de Igualdade estivo pintando uns bancos, cedidos polo concello, con lemas contra a violencia e que serán colocados polas rúas da vila.




 Tamén houbo representacións teatrais e pases de curtas que vos compartiremos en outra publicación.