Cantos de Reis

  Hoxe queremos compartir unha actividade do noso Biblionadal que nos fixo moita ilusión, os Cantos de Reis.  Neste Ano da Historia quixemos recuperar esta tradición, a dos Cantos de Reis, e levalos á residencia de maiores "Os Tercios" e ao Punto de Atención á Infancia. 

 Os músicos e músicas do colexio, dirixidos polo mestre de música, Gonzalo, e por Xacobe, estiveron ensaiando dous cantos de Reis e o pasado 19 de decembro foi o día elixido para ir cantar, non só á residencia e ao PAI, senón tamén á casa do Concello e a unha das cafeterías da vila. Ese día, os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria (nun comezo ían ser os voluntarios e voluntarias da biblioteca, pero decidimos abrilo a todo o alumnado destes cursos), acompañados dos seus mestres e mestras, de Gonzalo e de unha alumna de Secundaria cantaron e tocaron dúas panxoliñas que animaron e emocionaron aos que as escoitaron.

 Pola tarde, todo o alumnado de Infantil e Primaria gozou dun pequeno concerto interpretado polos seus compañeiros e compañeiras. Foi unha xornada moi especial. inesquecible, polo que non podemos máis que dicir GRAZAS a todos e a todas as que o fixeron posible.















Ningún comentario:

Publicar un comentario