Xa nos estamos achegando ao Nadal e unha das actvidades que propoñemos ao noso alumnado quedou pendente do curso pasado: buscar nome e logo para a nosa radio! Así, retomámolo este curso:
Concurso Radio na Biblio!
25N
Foi moito o que se traballou ao longo destas semanas para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Propuxemos aos distintos cursos traballar, baixo o lema "As lecturas do mundo", a situación de marxinación que viven as mulleres baseándonos en contos escritos por autores de diferentes países.
O alumnado de Infantil centrouse no conto "Maruxa" de Eva Mejuto e Mafalda Milhoes, e baseado nunha canción polaca, servíndolles para traballar os esterotipos. Contaron o conto, falaron sobre quen realizaba nas súas casas as tarefas do fogar e crearon unhas "Maruxas" con pasta de modelar, dando lugar a unhas obras ben fermosas!Nestes vídeos pódese ver o resultado do seu traballo.
4º de Infantil
Club de Lectura, comezamos!
O Club de Lectura Lectour@ xa está en marcha! Comezamos coas reunións, que terán unha frecuencia quincenal, o luns o grupo 1 (formado por alumnado de 1º e 2º) e o xoves o grupo 2 (formado por alumnas de 4º e profesorado). Esta primeira xornada foi a de presentación da coordinadora, así como a proposta de lecturas e de actividades a desenvolver ao longo do curso. Tamén se repartiron os cadernos de notas, os calendarios de reunións e uns doces de benvida. Se te queres unir, agardámoste!
Club de Lectura
Esta semana comezamos as reunións do club de lectura. Este ano seguimos co proxecto de A volta ao mundo, polo que volveremos viaxar, grazas as lecturas escollidas, a distintos países e e coñecer outras culturas, así como algunha paisaxe fantástica. Viaxaremos a través de África, visitaremos a India, coñecermos a grerra en Irak e descubriremos ás mulleres pranta.
Aínda estades a tempo de anotarvos, así que agardámosvos!
Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller
O EDL e o Equipo da biblio propón unha serie de actividades cara a semana do 25 de novembro. Con elas queremos sensibilizar a toda a comunidade escolar da importancia da loita contra a violencia sexista.
As actividades que propoñemos son:
As lecturas do mundo
Cada titoría de Infantil, Primaria e da ESO traballará a situación de marxinación que sofren as mulleres a través de libros de autores de distintos países do mundo. Cada titor/a pode tirar fotos da lectura e das actividades que se fagan a partir dela e envialas ao correo da biblioteca biblioteca.cpifontediaztouro@gmail.com. A data límite para mandar as fotos será o 30 de novembro.
Os libros que propoñemos son os seguintes:
- Infantil: Maruxa, de Eva Mejuto e Mafalda Milhoes, a partir dunha canción tradicional polaca.
- 3º de Primaria: A historia dos bonobos con lentes, de Adela Turín e Nella Bosnia.
- 4º de Primaria: Unha feliz catástrofe, de Adela Turín e Nella Bosnia.
- 5 e 6º de Primaria: O libro dos porcos, de Anthony Browne.
Día das Bibliotecas 2020 (2ª parte)
Este curso a celebración do Día das Bibliotecas foi un pouco diferente ao que estamos acostumados. Decidimos que unha boa maneira de celebralo era coa entrega das mochilas viaxeiras e, para facelo dun xeito seguro, o alumnado voluntario fixo, previamente, uns vídeos facendo entrega das mesmas (e que rexistramos nunha entrada anterior). O día das Bibliotecas os distintos cursos, aos que se lle fixo entrega das mochilas, visualizaron o seu vídeo correspondente e a titora de cada curso entregou a mochila para que comezase a circular.
1º
2º
3º
4º
Así mesmo, fíxose entrega dos diplomas e as mochilas de agasallo para o alumnado que fora voluntario no curso anterior.
Agardamos que o noso alumnado disfrute das lecturas das mochilas viaxeiras e estamos desexando coñecer as súas impresións!
Día das Bibliotecas 2020
É tempo de Samagosto!
Velaí veñen o Samaín e o Magosto. Nestas dúas festas populares galegas empregamos as cabazas, as espigas e as castañas como base para achegármonos ao outono. Con elas lembramos tamén tradicións que teñen que ver cos recordos dos que viñeron antes ca nós. Dende os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e de Biblioteca, do CPI Fonte Díaz temos preparadas unha serie de actividades para celebrar estas festas.
• Durante estas datas as distintas titorías poden participar no concurso de contos de medo. Haberá varias categorías de premios. Categoría A: 3º e 4º de Primaria; Categoría B: 5º e 6º de Primaria. A data límite para ter entregados os contos será o venres 30 de outubro. O premios serán entregados posteriormente. Lembrade poñer o nome, apelidos e curso. Algunhas das historias aparecerán nas nosas contas de Facebook, (Biblioteca e Movealingua )así, todos e todas ficaremos aterrados! Poderedes entregalos en papel aos titores e as titoras ou envialos ao correo electrónico da biblioteca, que é o seguinte: biblioteca.cpifontediaztouro@gmail.com
• Concurso “Cabazas terroríficas”, creación de figuras con cabazas, castañas e espigas para educación Infantil e 1º e 2º de Primaria. Haberá dúas categorías, unha para Infantil e outra para Primaria. Elixiremos dúas cabazas gañadoras por cada categoría (Infantil e Primaria). Podedes mandar as fotos ao noso correo electrónico, movealinguatouro@gmail.com. A data límite para mandar as fotos é o venres 30 de outubro. Algunhas das fotos aparecerán nas nosas redes sociais.
• Concurso Un Outono Fotográfico para o alumnado da E.S.O., que poderán mandar as súas fotos da outonía ás nosas páxinas de Instagram: @bibliotecacpifontediaz e @movalinguatouro
Para que todos poidamos ver as vosas publicacións etiquetade as vosas publicacións con:
- #movealinguatouro
- ou #bibliotecacpifontediaz
Haberá premio para as dúas mellores fotos. Animádevos.
• O día 30 os alumnos/as que o desexen poderán vir caracterizados ao colexio con disfraces relacionados co samaín.
O ENDL e o Equipo de Biblioteca do CPI Fonte-Díaz en Touro quere agradecer de antemán o traballo de todos e todas. Esperamos que poidades colaborar virtualmente para practicar o Samagosto, esa festa inventada en Touro hai uns anos e que promete moito. Grazas de novo!
ENDL e o EB do CPI Fonte-Díaz
Día das Escritoras
O día 19 de outubro celebrouse o Día das Escritoras e na nosa biblio decidimos darlle visibilidade a través de unha exposición. Nela recollimos unha selección de libros de algunhas das autoras coas que contamos no noso fondo e que estará á disposición do alumnado ao longo de toda esta semana. Esperamos que lles guste!



























































