Concurso Radio na Biblio!

 Xa nos estamos achegando ao Nadal e unha das actvidades que propoñemos ao noso alumnado quedou pendente do curso pasado: buscar nome e logo para a nosa radio! Así, retomámolo este curso:



 Para inspirarnos, a semana pasada o alumnado de Secundaria e de Primaria desfrutou dunhas motivadoras charlas sobre a creatividade. Foron impartidas por Amanda Freire, exalumna do noso centro e creadora da nosa querida Lectouriñ@. Como ben dixo Amanda, esperamos que nolo poñades difícil para elixir, así que deixade voar a vosa imaxinación e agardamos as vosas propostas no correo biblioteca.cpifontediaztouro@gmail.com














25N

 Foi moito o que se traballou ao longo destas semanas para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Propuxemos aos distintos cursos traballar, baixo o lema "As lecturas do mundo", a situación de marxinación que viven as mulleres baseándonos en contos escritos por autores de diferentes países.

O alumnado de Infantil centrouse no conto "Maruxa" de Eva Mejuto e Mafalda Milhoes, e baseado nunha canción polaca, servíndolles para traballar os esterotipos. Contaron o conto, falaron sobre quen realizaba nas súas casas as tarefas do fogar e crearon unhas "Maruxas" con pasta de modelar, dando lugar a unhas obras ben fermosas!Nestes vídeos pódese ver o resultado do seu traballo.

4º de Infantil



6º de Infantil


En 1º e 2º de primaria traballaron "Rosa Caramelo" de Adela Turín e Nella Bosnia.

1º de Primaria




2º de Primaria




En 3º  de Primaria traballaron "Os bonobos con lentes" de Adela Turín e Nella Bosnia, do que sacaron interesantes reflexións. Fixeron unhas lentes como as dos bonobos e escoitaron e bailaron a canción "Adventure of a Lifetime" de Coldplay, rematando así cun toque divertido.
 



En 4º de Primaria os alumnos e alumnas estiveron a traballar os estereotipos e os prexuízos, leron o conto "Unha feliz catástrofe" de Adela Turín e Nella Bosnia, reflexionaron sobre o comportamento das personaxes e propuxeron cambios para mellorar a convivencia e promover a igualdade.




O alunmado de 6º de Primaria traballou "O libro dos porcos" de Anthony Browne, así como "Unha feliz catástrofe" e realizaron unha investigación sobre mulleres traballadoras en distintos ámbitos.



 O alumnado de 5º de Primaria estivo traballando tamén "O libro dos porcos"


 O alumndo da ESO participou nunha actividade promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Universidades e pola Secretaría Xeral de Igualdade. Consistiu  nunha transmisión a través da web CESGA, na que participaron centros de toda Galicia, e na que visionaron 5 vídeos que resultaron gañadores  nos concursos convocados conxuntamente por ambos departamentos nos anos 2018 e 2019. Ao rematar interviron alumnos e alumnas, así como profesorado de cada centro para comentar a súa experencia. Tamén se fixeron públicos os centros e alunnado gañadores do concurso de lema contra a violencia de xénero convocado, tamén conxuntamente, neste 2020.



 Así mesmo, traballaron, en todos os cursos, o libro "Artur e Clementina" de Adela Turin e Nella Bosnia, que lles axudou a reflexionar sobre este tema.
 Aquí vos deixamos algunhas das conclusións ás que chegaron os alumnos e alumnas de 3º da ESO.


 

 Pola súa banda, o alumnado de 4º da ESO realizou unha curtametraxe para concienciar sobre a violencia contra a muller. É un vídeo realizado, guionizado e editado íntegramente por eles e o resultado é sobrecolledor polas realidades que reflicte. Fixeron un gran traballo!

         25 N 4º ESO















Club de Lectura, comezamos!

 O Club de Lectura Lectour@ xa está en marcha! Comezamos coas reunións, que terán unha frecuencia quincenal, o luns o grupo 1 (formado por alumnado de 1º e 2º) e o xoves o grupo 2 (formado por alumnas de 4º e profesorado). Esta primeira xornada foi a de presentación da coordinadora, así como a proposta de lecturas e de actividades a desenvolver ao longo do curso. Tamén se repartiron os cadernos de notas, os calendarios de reunións e uns doces de benvida. Se te queres unir, agardámoste!







Club de Lectura

 Esta semana comezamos as reunións do club de lectura. Este ano seguimos co proxecto de A volta ao mundo, polo que volveremos viaxar, grazas as lecturas escollidas, a distintos países e e coñecer outras culturas, así como algunha paisaxe fantástica. Viaxaremos a través de África, visitaremos a India, coñecermos a grerra en Irak e descubriremos ás mulleres pranta. 

 Aínda estades a tempo de anotarvos, así que agardámosvos!



Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

 O EDL e o Equipo da biblio propón unha serie de actividades cara a semana do 25 de novembro. Con elas queremos sensibilizar a toda a comunidade escolar da importancia da loita contra a violencia sexista.

 As actividades que propoñemos son:

As lecturas do mundo

 Cada titoría de Infantil, Primaria e da ESO traballará a situación de marxinación que sofren as mulleres a través de libros de autores de distintos países do mundo. Cada titor/a pode tirar fotos da lectura e das actividades que se fagan a partir dela e envialas ao correo da biblioteca biblioteca.cpifontediaztouro@gmail.com. A data límite para mandar as fotos será o 30 de novembro. 

 Os libros que propoñemos son os seguintes:

  • Infantil: Maruxa, de Eva Mejuto e Mafalda Milhoes, a partir dunha canción tradicional polaca.

  • 1º e 2º de Primaria: Rosa Caramelo, de Adela Turín e Nella Bosnia.


  • 3º de Primaria: A historia dos bonobos con lentes, de Adela Turín e Nella Bosnia.

  • 4º de Primaria: Unha feliz catástrofe, de Adela Turín e Nella Bosnia.
  • 5 e 6º de Primaria: O libro dos porcos, de Anthony Browne.


  • ESO: Artur e Clementina, de Adela Turín e Nella Bosnia.

 Dende o EDL e o Equipo da Biblioteca queremos agradecer de antemán todo o traballo de todos e de todas. Moitas grazas!

Día das Bibliotecas 2020 (2ª parte)

 Este curso a celebración do Día das Bibliotecas foi un pouco diferente ao que estamos acostumados. Decidimos que unha boa maneira de celebralo era coa entrega das mochilas viaxeiras e, para facelo dun xeito seguro, o alumnado voluntario fixo, previamente, uns vídeos facendo entrega das mesmas (e que rexistramos nunha entrada anterior). O día das Bibliotecas os distintos cursos, aos que se lle fixo entrega das mochilas, visualizaron o seu vídeo correspondente e a titora de cada curso entregou a mochila para que comezase a circular.

 1º





                                                                                 2º



                                                                                  3º



                                                                                  4º




Así mesmo, fíxose entrega dos diplomas e as mochilas de agasallo para o alumnado que fora voluntario no curso anterior.




Agardamos que o noso alumnado disfrute das lecturas das mochilas viaxeiras e estamos desexando coñecer as súas impresións!


Día das Bibliotecas 2020


Hoxe celebramos o Día das Bibliotecas. Unha das actividades que se desenvolververán no día de hoxe é a entrega das mochilas viaxeiras. Debido á situación actual, non se poderá facer como en cursos anteriores, cos voluntarios e voluntarias entregando as mochilas na propia biblio. Sen embargo, os voluntarios e voluntarias non querían perder a oportunidade de facer entrega das mochilas, por iso, fixeron uns vídeos adicados aos distintos cursos e que así o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º recibisen, de xeito simbólico, as mochilas da súa man. Nós tamén esperamos que as disfruten!

Vídeo de 1º



Vídeo de 2º


Vídeo de 3º



Vídeo de 4º










 

É tempo de Samagosto!

 Velaí veñen o Samaín e o Magosto. Nestas dúas festas populares galegas empregamos as cabazas, as espigas e as castañas como base para achegármonos ao outono. Con elas lembramos tamén tradicións que teñen que ver cos recordos dos que viñeron antes ca nós. Dende os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e de Biblioteca, do CPI Fonte Díaz temos preparadas unha serie de actividades para celebrar estas festas.


Durante estas datas as distintas titorías poden participar no concurso de contos de medo.  Haberá varias categorías de premios. Categoría A: 3º e 4º de Primaria; Categoría B: 5º e 6º de Primaria. A data límite para ter entregados os contos será o venres 30  de outubro. O premios serán entregados posteriormente. Lembrade poñer o nome, apelidos e curso. Algunhas das historias aparecerán nas nosas contas de Facebook, (Biblioteca e  Movealingua )así, todos e todas ficaremos aterrados! Poderedes entregalos en papel aos titores e as titoras ou envialos ao correo electrónico da biblioteca, que é o seguinte: biblioteca.cpifontediaztouro@gmail.com





Concurso  “Cabazas terroríficas”, creación de figuras con cabazas, castañas e espigas para educación Infantil e 1º e 2º de Primaria. Haberá dúas categorías, unha para Infantil e outra para Primaria. Elixiremos dúas cabazas gañadoras por cada categoría (Infantil e Primaria). Podedes mandar as fotos ao noso correo electrónico, movealinguatouro@gmail.com. A data límite para mandar as fotos é o venres 30 de outubro. Algunhas das fotos aparecerán nas nosas redes sociais. 

Concurso Un Outono Fotográfico para o alumnado da E.S.O., que poderán mandar as súas fotos da outonía ás nosas páxinas de Instagram: @bibliotecacpifontediaz e @movalinguatouro

Para que todos poidamos ver as vosas publicacións etiquetade as vosas publicacións con:

  • #movealinguatouro
  •  ou #bibliotecacpifontediaz

Haberá  premio para as dúas mellores fotos. Animádevos.



O día 30 os alumnos/as que o desexen poderán vir caracterizados  ao colexio con disfraces relacionados co samaín.


O ENDL e o Equipo de Biblioteca do CPI Fonte-Díaz en Touro quere agradecer de antemán o traballo de todos e todas. Esperamos que poidades colaborar virtualmente para practicar o Samagosto, esa festa inventada  en Touro hai uns anos e que promete moito. Grazas de novo!


                                                                                     ENDL e o EB do CPI Fonte-Díaz


Día das Escritoras

 O día 19 de outubro celebrouse o Día das Escritoras e na nosa biblio decidimos darlle visibilidade a través de unha exposición. Nela recollimos unha selección de libros de algunhas das autoras coas que contamos no noso fondo e  que estará á disposición do alumnado ao longo de toda esta semana. Esperamos que lles guste!




Protocolo de uso da biblioteca

 Boas de novo!

 Chegou o momento de voltar! Estamos preparando todo para a reapertura da nosa biblio. Este ano temos modificacións debido á situación actual, pero esperamos seguir recibindo as vosas visitas, sempre con seguridade. Para iso, elaboramos o seguinte protocolo, para o cumprimento do cal agardamos contar coa axuda de toda a comunidade educativa. A Lectouriñ@ agarda a vosa visita!