As familias cóntannos

 Este curso puidemos retomar unha actividade que quedou pendente do curso pasado, as visitas das familias falándonos das súas experiencias viaxando, vivindo e/ou traballando en outros países. Así, as familias faláronnos de lugares como Venezuela, Portugal, Nova York, Londres, Israel, Brasil...

Así, en 4º de Infantil, visitounos Vanessa, a mamá de Iris, quen nos contou as súas viaxes a Cabárceno, Valencia e Portugal e fixo un marabilloso Lap Book para interactuar co alumnado, quedando todos encantados.


 En 5º de Infantil recibiron dúas visitas, por un lado a de Paula, tía de Jesús, contounos as súas viaxes por Singapur, Vietnam, Escocia e Arxentina. Falounos da súa paisaxe, costumes, idioma e dalgunhas lendas e crenzas.


 E, por outro lado, Judith e Luis, pais de Nagore, faláronnos da gastronomía, de algúns edificios emblemáticos, linguaxe, paisaxe e dos animais que podemos atopar en Australia, México e Londres.


 En 6º de Infantil, Yriángela, nai de Santiago, falounos do seu país natal, Venezuela, das súas paisaxes, da súa gastronomía e dos bailes tradicionais.
 


 En 2º de Primaria visitáronnos os pais de Aldán, coa súa axuda, para falarnos sobre Nova York, os seus monumentos, curiosidades, e impresións.





 O alumnado de 4º de Primaria rivo a oportunidade de coñecer un pouco máis do Reino Unido grazas á experiencia de Ángeles, nai de Irene. Coñeceron a orixe do hábito de conducir pola esquerda dos británicos, a hora punta na que toman o té e que é preciso importar luz eléctrica dende Francia debido ao elevado consumo tan concentrado nos minutos posteriores ao remata das súas novelas favoritas, a importancia dos saúdos, a orde e a educación no seu día a día. Tamén nos falou das similitudes e diferenzas con Galicia: celebracións, palabras, clima... Ou como a raíña Isabel II envía unha felicitación persoal aos cidadáns polo seu cen aniversario. ángeles tamén nos deixou algúns consellos, por exemplo, que non nos fiemos dos falsos amigos ou "false friends"; tamén que si nos din "be quiet", non temos que quedar quietos, temos que quedar calados.


 Tamén en 4º de Primaria, desta volta xunto con 3º de Primaria, recibimos a visita de Verónica, nai de Nico. Polo seu traballo tivo oportunidade de viaxar por todo o mundo e veu ao cole contarnos un pouco sobre eses países nos que estivo... Canadá, Londes, Singapur, Xapón, Hong Kong, India, Etiopía, Finlandia, Siria e Grecia foron algúns dos países mencionados ao longo da súa exposición. Contounos que para viaxar a Canadá dende Londres, a ruta non é lineal, senón que se desvía debido aos ventos que sopron en contra ao avión, feito que dificulta o voo e incrementa o consumo de combustible. En Etiopía apreciou grandes diferenzas económicas e sociais que segue habendo nese país. Recordou a súa estancia nun hotel de luxo, a vez que non esquecía as vistas da súa habitación a un poboado de chabolas no que os nenos xogaban con pelotas feitas con farrapos, roupas estragadas e vellas e vivían en casas sen luz corrente eléctrica ou auga potábel. De Siria, máis en concreto de Damasco, ensinounos o antes e o despois, consecuencia dun terrible conflito que rematou por destruír unha cidade enteira. Ao longo da súa intervención, Verónica aludiu constantemente á importancia da convivencia pacífica entre persoas. Estas últimas, máis presentes na nosa mente que na realidade, xa que como ela non dixo, co tempo acábaste dando conta de que non somos tan diferentes como crïamos.



 O alumnado de 6º de Primaria recibiu a visita de Jacobo, pai de Andrea, quen nos falou sobre Israel e Brasil, das formas de vivir e traballar, dos monumentos e paisaxes, da gastronomía...

 En conxunto foi unha gran experiencia para todos, da que disfrutamos e coa que aprendemos. Moitas grazas a todas as nais e pais que se ofreceron para participar nesta actividade, foi unha maneira extraordinaria de dar a volta ao mundo sen saír do noso cole











 

Ningún comentario:

Publicar un comentario