O 20 de novembro celébrase o Día Mundial da Infancia, pero no noso centro celebrámolo o día 21. Visitáronnos membros da asociación ACOUGO, Asociación galega de familias de acollida, así como o Director Xeral de Infancia, aos que recibimos, como non podía ser doutro xeito, con música. Vestimos todos en pixama e lembramos, entre todos e todas, os dereitos da infancia. Grazas á asociación Acougo por elixirnos para conmemorar este día e visibilizar a situación de moitos nenos e nenas en Galicia. Unha xornada inesquecible.
Mes da Ciencia en Galego. Cogomelos
Como xa vén sendo tradición, o pasado martes, 18 de novembro, o alumnado de Secundaria saiu recoller cogomelos. Estudaron os distintos tipos, clasificáronos e levaron a cabo unha exposición con todos os exemplares recollidos e con información sobre eles. Foi unha xornada moi produtiva!
Visita de Xabier Blanco
O pasado xoves, 30 de outubro, tivemos a sorte de que nos visitase Xabier Blanco, mestre gaiteiro, artesán e investigador. O seu labor como investigado reúne máis de 2000 pezas, entre as que destacan o máis de 200 instrumentos en perigo de ser esquecidos pola tradición. Froito dese labor é o seu arquivo con máis de 50000 documentos, entre os que se atopan pezas e xéneros perdidos, bailes e técnicas referidos á artesanía dos intrumentos.
O recoñecemento ao seu traballo como investigador débese a recuperación de dous intrumentos que levaban máis de 100 anos sen escoitarse nas terras de Moaña, como son a gaita de cana e a zanfona diatónica.
O alumnado de Educación Infantil gozou escoitando, cantando e bailando e descubriu, entr outras cousas, que cun corno de vaca e as chocas se pode facer música! Parabéns e moitas grazas por vir!
Samagosto
O pasado xoves, 30 de outubro, celebramos o noso tradicional Samagosto. Comezamos a xornada cun obradoiro de maquillaxe terrorífica, houbo cabazas, música, moita música, como non pode ser doutro xeito neste Ano da Música, e, xa pola tarde, castañas e xogos tradicionais no patio. Unha xornada terroríficamente divertida!
Samagosto. Cabazas Musicais
Neste Ano da Música lanzamos o reto ás familias de realizar Cabazas Musicais e, un ano máis , superaron o noso reto de sobra, polo que non podemos facer máis de darvos os nosos parabéns! Houbo intrumentos de todo tipo (gaitas, pandeiretas, tambores, guitarras, pianos...), grupos musicais e intérpretes en solitario (Kiss, Backstreet Boys, Michael Jackson, Elvis...), compositores (Mozart na súa casa), festivais de música, orquestras, discotecas, bailaríns, pandereteiras e ata o profe Gonzalo! Todas verdadeiras obras de arte, moitisimas grazas pola vosa colaboración, superádesvos cada ano!




































































