Obradoiro Lectura e familias

 Con motivo do Mes das letras levouse a cabo o obradoiro de Lectura e Familias. Contamos coa visita de Migallas Teatro que nos representaron a obra Camiño de Historias, unha obra na que, a través de tres historias, viaxamos polo mundo aprendendo da tradición de tres países. Convidamos ás familias do centro a participar no obradoiro que tivo lugar na tarde do mércores, 7 de maio e foron moitas as que aceptaron a invitación, polo que estamos moi agradecidas. Así mesmo, grazas a Migallas por permitirnos gozar coas súas historias e cancións.











Exposición "50 anos de memoria"

  Con motivo da celebración do 50 aniversario do noso centro, dende a biblioteca preparamos unha exposición con obxectos que recrean estes 50 anos de vida do colexio. Obxectos relacionados coa dirección, de cociña e do comedor, a enfermería, os deportes e, como non, as aulas e a biblioteca. A exposición está distribuída por diferentes espazos, pero tamén tentamos recrear unha aula na que se recolleron non só obxectos que aínda permanecían no cole, senón tamén algúns que aportaron as familias como libros de texto, traballos manuais, libretas ou revistas. O día da celebración do 50 aniversario a exposición estivo aberta para que todos e todas os que se achegaron ao centro puidesen gozar dela.





























I Concerto Intercentros

  O pasado xoves, 15 de maio, dentro das actividades do 50 aniversario do centro, tivo lugar no noso cole o I Concerto Intercentro. Organizado polos mestres de música dos tres centros participantes , e a colaboración de outros mestres de cada un dos centros, reuniu alumnado e familias do CPI Camiño de Santiago de O Pino, o CEIP Ortigueira de Vedra e o noso CPI Fonte Díaz de Touro. Cada centro interpretou dúas pezas e para rematar todos xuntos interpretaron outras dúas poñendo así un fermoso punto e final ao concerto. Foi unha xornada de música e convivencia intercentros que estamos desexando repetir, sen desbotar a posibilidade da incorporación de máis centros no futuro.








Día do libro en Infantil

 Hoxe queremos ensinarvos as actividades que se levaron a cabo na aula de 4º de Infantil para celebrar o Día do Libro. 

Realizaron marcapáxinas coa súa historia.



Gravaron vídeos contando os seus libros favoritos.

Os nosos libros favoritos


Fixeron unha carteleira cos seus libros favoritos escribindo o seu título e decorando a obra de arte resultante.




Libros con Historia

  Seguimos compartindo as actividades que se levaron a cabo con motivo do noso Mes das letras, neste caso trátase da exposición Libros con Historia. Solicitamos a todo o profesorado do centro que nos fixese chegar libros que foron especiais para eles cunha nota na que explicasen por que elixiron ese libro e que significou para eles ou elas. Eses libros, coas súas notas correspondentes, estarán expostos na biblioteca durante todo este mes, así que xa sabedes, podedes achegarvos e botarlles un ollo, ao mellor coincidides con eles.



Mesa de experiencias

  O pasado 27 de marzo o centro, en colaboración co Dpto. de Orientación, organizou unha mesa de experiencias destinada ao alumnado de 3º e 4º da ESO.

Visitáronnos exalumnos e exalumnas do centro con carreiras exitosas en diferentes ámbitos profesionais: José Manuel Martínez Cereijo, médico especialista en cirurxía cardiovascular, Adriana Rodríguez Millán, psicóloga sanitaria, Alejandro Reboredo Rendo, COGAMI e Darío Rey Suárez, mestre xerente de Patrimonea. Compartiron co alumnado información relativa a aqueles momentos decisivos máis importantes na súa traxectoria académica profesional, dende a súa etapa de cativos e cativas cando xogaban no patio deste colexio, ata convertírense nos profesionais que son hoxe en día.








Amigo invisible do libro

  Este ano, con motivo do Día do Libro e a proposta da orientadora do cento, o profesorado do centro participou nun Amigo invisible do libro. 

 Nas semanas previas ao Día do Libro, preparamos a nota explicativa, colocamos unha caixa e unha lista para que todo aquel que quixese participar se anotase e introducise o eu nome na caixa. Rematado o prazo para inscribirse, tocou o sorteo do amigo ou amiga invisible.

 O intercambio de libros levouse a cabo o mércores 23 de abril, Día do libro. Xuntámonos na sala de profesorado, con algo de nervios, con ilusión e, tamén hai que dicilo, con intriga, e recibimos o noso libro-agasallo. Parece que os amigos e amigas invisibles acertaron en todos os casos e seguro que repetimos.

 Feliz Día do libro e felices lecturas!