Hoxe queremos mostrarvos o resultado do noso concurso "Portas de Cine". Inspirados por diferentes películas, ou polo cine en xeral, o noso cole encheuse de decoracións, dende secretaría ata as diferentes aulas, pasando por Orientación, A.L., P.T e comedor. Todos e todas realizaron un gran traballo para contribuír á decoración festiva, polo que queremos dar as grazas a toda a comunidade educativa, tan implicada como sempre, pola súa colaboración. O xurado pasará despois das festas para valorar os resultados e moi pronto se publicará a súa decisión. Mentres tanto, tentades adiviñar as películas que nos inspiraron?
Portas de cine
Biblionadal 2021
Pouco a pouco ímonos achegando ao Nadal. Como cada ano, dende o EB e o EDL queremos propor varias actividades.
-Realización de adornos reciclados ou con material de refugallo. As aulas que o desexen poderán adornarse empregando refugallos e material reutilizado. Estes adornos poden facer referencia ao inverno, á figura do Apalpador... e serán publicados nas nosas redes sociais.
-Concurso de poemas (para Primaria e Secundaria). Os poemas terán unha extensión libre, con calquera número de versos e unha rima libre. O tema terá que facer referencia ao Nadal e incluír as palabras CINE, ACTOR, ACTRIZ OU O TÍTULO DUNHA PELÍCULA. As poesías entregaranse na biblioteca nun folio co nome, apelidos e curso do alumno/a. A data límite será o luns 13 de decembro.
-Concurso de debuxos sobre o Nadal (para Infantil e 1º e 2º de Primaria). Os debuxos terán que facer referencia ao Nadal. Serán entregados na biblioteca nun folio co nome, apelidos e curso do alumno/a. A data límite de entrega será o luns 13 de decembro.
Algúns dos debuxos e dos poemas ganadores destes concursos irán na postal que se mandará ás casas para felicitar o Nadal.
-Concurso de decoración das portas das aulas "Portas de cine". As portas das aulas poderán decorarse elixindo unha película ou escena dela.
Dende o EDL e o EB agradecemos de novo a vosa colaboración e entuasiamo.
25 N
O xoves 25 de novembro foi o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Como xa expuxemos nunha entrada anterior, foron varias as actividades que se levaron a cabo no noso centro para dar visibilidade a esta realidade e para mostrar o noso rexeitamento da violencia.
Ao longo de varias semanas estívose desenvolvendo no centro un obradoiro de igualdade que rematou coa estampación dunhas camisetas co lema Touro coa Igualdade.