Día da Muller 2020

Con motivo do Día da muller dende o ENDL e o Equipo da Biblioteca propúxoselle a cada curso que, en siluetas de mulleres de distintos países, imaxinasen que lles gustaría ser de maiores baixo o lema "Eu de maior non quero ser princesa, eu quero ser..." Ao mesmo tempo preparamos unha selección de lecturas para este día tan especial.









Sabores do mundo: Grecia

No comedor seguimos experimentando con novos sabores, continuando coa súa proposta de "Sabores do mundo". Xusto antes do entroido tocou Grecia! Salata Horiatiki, pastitsio e straggisto, delicioso!











Día de Rosalía 2020

Á volta do Entroido celebramos no cole o Día de Rosalía, como vén sendo tradición, co Caldo de Gloria e a torta de aniversario de Rosalía.
Así mesmo, e a proposta do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, cada clase fixo un cartel, no que baixo o lema "Errantes polo mundo", combinaron poemas de Rosalía con imaxes que nos recordan a exclusión, a marxinación que afecta a moitas persoas, e sobre todo, ao drama dos migrantes do que tanto falou Rosalía. Todos eses carteis foron compartidos polas redes sociais do ENDL co cancelo #errantespolomundo_rdc_20. Deixamos aquí o enlace á conta de Facebook do ENDL do noso centro, así como imaxes da celebración de tan importante efeméride.

www.facebook.com/movealingua













Entroido 2020!

Neste curso no que estamos a dar a nosa "Volta ao mundo", a inspiración para a celebración do Entroido buscámola, principalmente, noutras culturas.
Durante a semana fumos seguindo as intrucións de Dona Meca, que ía vestida segundo a ocasión, para rematar o venres, 21 de febreiro, co gran desfile polas rúas de Fonte Díaz. Un desfile no que non faltaron animais de todo o mundo, tribos africanas, faraóns e momias exipcias, habitantes de países exóticos como a India, habitantes de rexións árticas, cidadáns do mundo, exploradores, bandeiras do mundo, recordos de viaxes en forma de bólas de neve e ata a raíña do Reino Unido! E todo amenizado polos grandes músicos do centro!